O Concello de Ribadumia abre o prazo de presentación de candidaturas para a IV Festa do Deporte

Publicado por o día 24/07/2019 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia abre o prazo de presentación de candidaturas para a IV Festa do Deporte

O Concello de Ribadumia informa de que xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas para a “IV Festa do Deporte”. Todo aquel que o desexe poderá presentar as súas propostas ata o 20 de agosto. Para facelo, os/as interesados/as deberán descargar os formularios na plataforma dixital do Concello (www.omeuconcello.org), ou solicitalos nas propias oficinas da Casa Consistorial.

Entre as candidaturas presentadas, será un xurado conformado por membros do Concello (o Concelleiro de Deportes ou a persoa na que delegue, un técnico municipal e un membro de cada un dos grupos políticos con representación na corporación), das entidades deportivas (un delegado de cada unha das entidades con sede en Ribadumia) e dos medios de comunicación (un experto en deportes de cada un dos medios con maior difusión na comarca), o encargado de seleccionar os galardoados, que se darán a coñecer na gala que se celebrará no Auditorio Municipal.

Esta será a cuarta edición da “Festa do Deporte”, creada en 2016, para recoñecer o gran labor dos deportistas e as entidades deportivas do municipio. Deste xeito, outorgaranse un total de trece galardóns: Mellor Promesa de Ribadumia, tanto masculina como feminina; mellores deportistas do municipio, tamén en ambas categorías; mellores deportistas masculino e feminino pertencentes a un club do concello; mellor equipo, tanto de homes como de mulleres; mellor club e mellor adestrador. Así mesmo, concederanse recoñecementos ao mérito deportivo, aos medios de comunicación e aos patrocinadores.

Para coñecer todos os detalles sobre estes galardóns, os interesados poden consultar as bases da “Festa do Deporte” na plataforma do Concello.

Comentar noticia

Your email address will not be published.