O Concello de Ribadumia informa de que xa está aberto o prazo para presentar as comunicacións para realizar fogueiras durante as festividades San Xoán e San Pedro. Todos os veciños e veciñas que queiran facer a súa cacharela nas tradicionais datas, deberán comunicalo a través da correspondente instancia, que se pode solicitar na Casa do Concello de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas. Neste documento, infórmase tamén aos solicitantes das normas de obrigado cumprimento para manter a seguridade e impedir que o lume se estenda ou provoque fumes tóxicos, entre as que se atopan as seguintes:
- O volume de combustible da fogueira non superará os 8 metros de perímetro e 3 metros de altura.
- A separación entre o lume e os edificios e árbores lindeiros debe ser de, cando menos, 12 metros.
- Deberase ter especial coidado para que as fogueiras non estean situadas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, ou preto dalgún local no que se almacenen materiais inflamables.
- Queda prohibida a queima de pneumáticos, plásticos aceites, etc, así como de calquera líquido inflamable ou envases de gas a presión.
- Ao remate da celebración, a fogueira deberá quedar totalmente apagada, e os seus restos recollidos nun prazo máximo de 48 horas.
Ademais, en caso de que as condicións meteorolóxicas no día das celebracións desaconsellen a realización dos devanditos lumes (por vento forte, elevadas temperaturas…), a autorización quedará sen efecto.
O prazo de presentación das comunicacións remata o 15 de xuño para as fogueiras de San Xoán e esténdese ata o día 20 do mesmo mes no caso das de San Pedro.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.