O Concello de Ribadumia celebra a gala “Ribadumienses en prol do Galego”

Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia celebra a gala “Ribadumienses en prol do Galego”

O Concello de Ribadumia informa de que mañá, xoves 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas 2018, celebrarase a segunda edición da gala homenaxe “Ribadumienses en prol do galego”. A cita será a partir das 20:00 horas, no Auditorio de Ribadumia.

Nesta ocasión, a cerimonia terá como protagonista á Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, asociación que promove o uso do galego tanto nas súas actuacións como noutras actividades, promocións de actos, etc. Este mesmo domingo, sen ir máis lonxe, dedicarán un concerto de homenaxe ao Día das Letras Galegas, recital que se celebrará no Auditorio Municipal a partir das 19:00 horas.

Ademais, a concesión deste galardón coincide co vixésimo aniversario da Agrupación, fundada o 22 de Novembro de 1998, día de Santa Cecilia, patroa dos músicos.

O Concello pretende, deste xeito, non só celebrar o día no que se honra á lingua galega, senón tamén aproveitar esta ocasión para render homenaxe aos veciños e veciñas, asociacións ou entidades do municipio que participan, dun xeito ou outro, en prol da conservación e posta en valor da nosa lingua.

Os presentes poderán desfrutar tamén das actuacións dos grupos Madialeva e Añoranza, así como da compañía de teatro Alecrín. Como peche da gala, ademais, a Agrupación Músico Cultural interpretará o himno galego.