O Concello de Ribadumia celebra hoxe unha sesión de PLENO ORDINARIA

Terá lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial a partir das 21:00 horas
Publicado por o día 05/09/2019 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia celebra hoxe unha sesión de PLENO ORDINARIA

O Concello de Ribadumia informa que hoxe, día 5 de setembro, terá lugar a partir das 21:00 horas unha sesión ORDINARIA de Pleno Municipal no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

A orde do día comezará coa aprobación da acta anterior para dar paso o punto que tratará o Orzamento Municipal para o exercicio 2019, e trataranse tamén a adhesión ao Convenio de Colaboración entre Xunta de Galicia, Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, a moción do PSdG-PSOE sobre materia de sanidade.

No Pleno ordinario tamén se presentan para a súa aprobación a proposta de reparto do 85% das axudas municipais entre as asociacións e entidades culturais, deportivas e sociais do Concello de Ribadumia.

Este ano, á parte da presenza de novas asociacións en todos os apartados, cabe salientar o feito de que se aplican as modificacións consensuadas nas reunións mantidas coas entidades no último trimestre do ano 2018, aprobadas definitivamente no pasado Pleno ordinario do 20 de decembro, e que suporán, fundamentalmente, que todas elas poidan acceder automaticamente, unha vez sexan aprobada a proposta, ó 25% do montante económico que lles correspondan como un anticipo a conta, recibindo o posterior 75% unha vez que xustifiquen os gastos efectuados.

Nesta primeira fase repártense case 60.000€, dos que 17.000€ se adxudican entre as 12 asociacións culturais e/ou educativas que solicitaron a axuda, 28.900€ entre 6 entidades deportivas municipais e 3 patrocinios solicitados para piragüístas do Club Náutico O Muíño que participaron en competicións internacionais e, finalmente, 7.250€ entre asociacións do eido social e Protección Civil, que hai que sumar ós 6.500€ destinados ós convenios subscritos polo Concello de Ribadumia con distintas entidades de carácter social como Amigos de Galicia ou o Banco de Alimentos.

O vindeiro paso que o actual equipo de goberno ten pensado levar a cabo en relación a estas axudas é analizar se xa no orzamento do ano que vén se pode aplicar unha subida ó montante total das axudas municipais unha vez que comece a redución de gasto que se espera conseguir no alumeado público tralo investimento que se vai facer co financiamento conseguido do IDAE, compromiso adquirido con todas as asociacións e entidades nas distintas reunións mantidas ó longo da pasada lexislatura.

Do mesmo xeito, durante este pleno, darase conta da aprobación das axudas das festas parroquias 2019 onde se repartirán algo máis de 9.000 € entre 15 festas que se levan a cabo nas diferentes parroquias ó longo de todo o ano.

Tamén están resoltas e aprobadas xa as Axudas de apoio á escolarización para o curso 2019/2020 tramitadas dende os Servizos Sociais do Concello de Ribadumia para os solicitantes.

Ó remate dos puntos do día darase paso á quenda de rogos e preguntas.