O Concello de Ribadumia comezou a instalación dos novos contedores de papel

Publicado por o día 28/02/2020 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia comezou a instalación dos novos contedores de papel

O Concello de Ribadumia, no seu obxectivo de mellorar a xestión dos residuos sólidos urbanos e de facilitarlles ós veciños a reciclaxe dos mesmos, está a realizar a reposición de contedores de papel.

Esta nova adquisición de contedores lévase a cabo grazas á adhesión do Concello de Ribadumia ó Convenio Marco asinado entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, que regula o funcionamento do sistema integrado de xestión e a través do cal se establece como obxectivo base fomentar a recollida selectiva e a selección de residuos de papel.

O investimento para os contedores de papel, que ascende a 4550 € achegados a través dun acordo de colaboración da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e Ecoembes co Concello, permitiu a adquisición de 7 novos contedores que se están a repartir en diferentes puntos de todas as parroquias do Concello. A súa distribución acordouse seguindo tanto criterios técnicos dados por persoal da empresa de recollida coma por persoal municipal coma a través das peticións veciñais recollidas.

Continúase así co reforzo da recollida selectiva do papel e que continuará nos vindeiros meses coa reparación e adecentamento doutros contedores seguindo as indicacións do informe técnico elaborado nesta lexislatura.