O Concello de Ribadumia organiza reunións veciñais nas seis parroquias do municipio

O Concello de Ribadumia informa de que esta semana comezarán a celebrarse reunións informativas cos veciños do municipio
Publicado por o día 16/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia organiza reunións veciñais nas seis parroquias do municipio

As dúas primeira xuntanzas terán lugar esta mesma fin de semana: o sábado, 19 de maio, o equipo de goberno reunirase cos veciños da parroquia de Ribadumia a partir das 21:30 horas na Casa da Cultura, mentres que o domingo será o día escollido para a reunión en Lois, que se celebrará no Centro Social a partir das 11:30 horas. Así mesmo, as datas das conversas nas parroquias restantes serán dadas a coñecer proximamente.

Nestes encontros, o actual equipo de goberno exporá os traballos realizados dende o 2016, principalmente no referido ás obras que se veñen realizando para mellorar os espazos públicos. Arranxos en estradas e beirarrúas, novas canalizacións de augas ou melloras en centros municipais serán algúns dos tema establecidos na axenda para estas reunións.  Así mesmo, atenderanse as dúbidas ou propostas que presenten os asistentes, tanto no referente a estes temas como noutras inquedanzas que poidan xurdir para a mellora da súa parroquia.

Trátase da segunda ocasión na que o actual goberno municipal organiza estas xuntanzas informativas, que pretenden establecer un espazo de diálogo entre o Concello e os veciños e veciñas de Ribadumia. Unha iniciativa que permite unha maior implicación destes nas políticas do seu municipio, así como responder ás súas necesidades e achegar toda a información precisa sobre a xestión do concello. Deste xeito, os residentes nalgunha das parroquias ribadumienses poderán solucionar máis directa e facilmente as súas inquedanzas, mentres que o equipo de goberno terá a posibilidade de coñecelas de primeira man para intentar darlles resposta.