O Concello de Ribadumia organiza unha xornada de charlas e obradoiros sobre a vespa velutina no CPI Julia Becerra Malvar

Publicado por o día 24/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia organiza unha xornada de charlas e obradoiros sobre a vespa velutina no CPI Julia Becerra Malvar

O Concello de Ribadumia informa de que o CPI Julia Becerra Malvar acolleu ao longo do día de hoxe unha serie de charlas-obradoiro coa avespa asiática (Vespa velutina) como protagonista. A xornada, que ocupou toda a mañá, vai dirixida aos nenos e nenas de cuarto, quinto e sexto curso de Primaria, e foi impartida por un técnico especializado na materia.

En total, uns 136 nenos e nenas aprenderon, grazas a esta iniciativa de colaboración entre o Concello de Ribadumia e o equipo directivo do centro, os efectos que produce no noso ecosistema esta especie invasora, unha auténtica praga que pon en risco o noso medio ambiente, dada a súa capacidade para depredar sobre especies autóctonas, fundamentais na polinización, e da súa facilidade para expandirse ano a ano, chegando a triplicar a súa presencia nun só ciclo de reprodución anual.

Os nenos e nenas aprenderon tamén a elaborar e manter as súas propias trampas artesanais para poder capturar as raíñas fundadoras, que na primavera comezan a creación de novos niños. Agora, crearán nas aulas máis de 130 novas trampas que se poderán instalar nos vindeiros días en xardíns, hortas e vivendas do municipio.

As trampas construídas polos nosos cativos e cativas  virán a reforzar as máis de 300 que xa foron instaladas os pasados días en puntos estratéxicos do noso concello, alí onde os membros de Protección Civil especializados na contención desta praga identificaron unha maior presenza de niños durante a pasada campaña de 2017.

Dende o Concello de Ribadumia, consideramos clave e fundamental que os máis pequenos se impliquen neste tipo de colaboracións comunitarias en prol do medio ambiente e coñecemento do noso medio. Por iso, o concello e o centro veñen realizando  diferentes tipos de charlas, actividades e colaboracións, como a pasada campaña “O que se enchufa, recíclase”, que visitou o CPI fai poucas semanas, ou as diferentes xornadas sobre reciclaxe e redución de residuos que cada ano celebran en conxunto a institución municipal e o centro educativo.

Destacar,ademais, a excelente relación de cooperación existente entre as dúas entidades, e manifestar o noso agradecemento ao equipo directivo do CPI Julia Becerra Malvar pola súa gran implicación á hora de desenvolver actividades deste tipo.