O Concello de Ribadumia programou durante outubro para conmemorar o Día da Biblioteca

Publicado por o día 26/10/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia programou durante outubro para conmemorar o Día da Biblioteca

O Concello de Ribadumia celebra hoxe venres 26 de outubro o Dia das Bibliotecas con varios actos na Biblioteca Municipal Francisco de Asís Fraga “Cuco”. As actividades comezarán as cinco da tarde coa presentación por parte do Alcalde David Castro das obras de mellora que se levaron a cabo recentemente. A colocación dunha mampara permitiu crear unha nova zona de estudo e lectura con illamento acústico. Tamén se adquiriu mobiliario novo ( mesas de estudo e cadeiras) co fin de satisfacer as demandas dos usuarios da mesma e crear un espazo máis cómodo e acolledor .

Posteriormente , o Alcalde fará entrega de tres lotes de libros aos agraciados do sorteo entre os socios da Biblioteca que o Concello realiza cada ano coincidindo coa celebración desta data. Os gañadores corresponden a tres categorías que son infantil, xuvenil e adulto.

O número de socios aumentou considerablemente no último ano, incrementándose nun 25 % , contando actualmente con máis de 500 . O equipo de goberno seguirá traballando para seguir sumando socios e usuarios.

Para rematar terá lugar unha sesión de títeres a cargo do grupo “Cascanueces” que fará as delicias de todos os asistentes. Estas actividades supoñen o peche dunha serie de actuacións e obradoiros que se celebraron na Casa de Cultura os luns do mes de outubro con cargo ao programa “ Ler conta moito” co fin de fomentar a lectura entre os máis novos do municipio. Así medio cento de cativos puideron desfrutar das actuacións “ Mundo máxico 3.0”, “ Biotecnólogos resolven un crime na Biblioteca”, “ A maxia dos contos” e “ Unha festa no faiado”. Actuacións que foron animando a lectura na Biblioteca durante todo o mes de outubro.