O Concello de Ribadumia promove a campaña “Quere o teu mercado”

Publicado por o día 22/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Concello de Ribadumia promove a campaña “Quere o teu mercado”

O Concello de Ribadumia informa de que esta mañá, o alcalde, David Castro, fixo entrega de varios agasallos aos comerciantes do mercado municipal. Mandís, bolsas reutilizables ou caramelos para regalar aos clientes, foron algúns dos obsequios recibidos, no marco da campaña “Quere o teu mercado”, polos rexentes dos catro negocios instalados na praza de abastos de Ribadumia

O Concello quere tamén dar a coñecer entre os máis pequenos os beneficios de facer a compra na praza de abastos local. Por iso, estes días organiza un concurso de creación de receitas con produtos que se poden atopar nos seus comercios. Todos os nenos e nenas de infantil, primaria e secundaria poden entregar a súa receita ata o próximo venres, 25 de maio, na Casa Consistorial. Os traballos deberán estar escritos en galego e nunha folla tamaño A4, co nome e curso do rapaz ou rapaza na parte dianteira e un teléfono de contacto na posterior. Todos os participantes recibirán un agasallo, que será entregado o sábado 26 ás 11:30 horas na propia praza, xunto a un caderno no que estarán recompiladas todas as receitas.

A iniciativa “Quere o teu mercado”, promovida a nivel internacional, ten como obxectivo promocionar os mercados locais, que xogan un papel fundamental como elementos que axudan a revitalizar e dinamizar os núcleos urbanos. Así mesmo, as prazas fomentan o consumo de alimentos frescos e de produción próxima, o que supón un gran beneficio tanto para vendedores e produtores locais como para o cliente, que atopa un servizo máis persoal e, en moitos casos, máis económico. A proximidade dos produtos de consumo, ademais, é cada vez máis importante, non só a nivel local, senón tamén á hora de promover a protección do medio ambiente e a xeración de riqueza nas pequenas comunidades.