O Concello de Silleda acomete a mellora de captación da auga da traída municipal

Os traballos de ampliación do caudal, que evitarán os bombeos dende o río unha mellor calidade da auga, xa se están levando a cabo na zona da Bandeira e continuarán na captación de Silleda en vindeiras semanas
Publicado por o día 12/10/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda acomete a mellora de captación da auga da traída municipal

O Concello de Silleda continua coa mellora de servizos básicos para os veciños e veciñas. Así, nos últimos días estase a acometer unha mellora na captación de augas que abastece os depósitos municipais da Bandeira.

Os traballos, que están xa a piques de rematar, consisten na ampliación de caudal da traída, o que evitará entre outros bombardear dende o río Toxa. “Ademais de contar con augas con maior calidade, ao evitar bombear dende o río, algo ao que se viña recurrindo en épocas de sequía,  tamén se logrará un notable aforro enerxético”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, advertindo que se trata dunha “actuación moi destacada que virá a mellorar este servizo municipal”, engade.

A auga desta captación, situada na zona de Cumbraos (Escuadro), irá directamente ao depósito, mellorando o servizo en centos de vivendas. Dende o servizo municipal estímase que se acadarán os 80.000 litros de auga nun prazo de 24 horas.

Nas vindeiras semanas está tamén previsto acometer unha mellora da captación de Silleda, situada neste caso nunha zona de monte en Siador, co obxectivo de evitar tamén o bombeo. “Logo de apostar por extender a traída municipal ao rural, comezando polas parroquias máis próximas aos núcleos urbanos de Silleda e da Bandeira, con esta actuación acadaremos unha considerable mellora no servizo”, sinala Cuiña lembrando que o Concello de Silleda asumiu a xestion do servizo a principios do ano 2017.

“Logo da rebaixa nos recibos, algo que levaba agardando dende hai anos, agora afrontamos a mellora nas captacións e continuaremos apostando por seguir extendendo este servizo”, engade o alcalde.

Nos últimos anos levaronse a cabo obras para extender a rede a parroquias como Taboada, Cortegada, Saídres, Ponte, O Castro, Manduas ou o lugar de Toxa, entre outros.