O Concello de Silleda asina ca Fundación Semana Verde a compra da parcela para a central da Rede de calor

Na sesión plenaria do vindeiro venres darase conta do contrato de compravenda da parcela e tamén se someterán a aprobación os pregos para a instalación, pioneira en Galicia e que suporá unha inversión de máis de 800.000 euros
Publicado por o día 02/04/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda asina ca Fundación Semana Verde a compra da parcela para a central da Rede de calor

Hoxe tivo lugar a sinatura do contrato de compravenda, entre o Concello e a Fundación Semana Verde da parcela na que se instalará o Centro de Producción e Abastecemento Enerxértico da futura Rede de Calor con biomasa.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o director xerente da fundación xunto con técnicos das dúas entidades, asinaron o acordo polo que a parcela, de 6.973 metros cadrados de superficie pasa a ser de titularidade municipal. Deste acordo darase conta no pleno do vindeiro venres día 6 (10:00 horas), nunha sesión na que o goberno municipal tamén someterá a aprobación da Corporación o prego de cláusulas administrativas e a convocatoria de licitación da instalación da futura planta.

“A rede de calor é unha das inversións clave para o futuro de Silleda, un proxecto que estamos seguros que será moi beneficioso”, indica o alcalde, Manuel CUiña, lembrando ademais que a de Silleda será a primeira iniciativa destas características de promoción público-privada de Galicia.

Esta dotación suporá unha inversión de 816.587,67 euros, financiados con cargo á subvención do INEGA (nun 80%) e con fondos municipais.

Obras este verán

As obras da Rede de Calor “District Heating” con biomasa iniciaránse este verán, previsiblemente no mes de xuño.

A Central de Producción ubicarase na nova parcela municipal, que está situada xusto detrás da Escola Municipal de Música, no  entorno da zona deportiva-educativa da vila de Silleda e dende alí subministrarase  calefacción e auga quente sanitaria a varios edificios conectados mediante tuberías preaisladas.

A Central usará  biomasa como combustible, concretamente astilla. Na primeira fase incluiranse  o pavillón polideportivo César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Residencia e Centro de Día de Maiores  e tamén o Hotel Vía Argentum.

“Coa licitación do proxecto que se abordará no pleno do vindeiro venres comeza unha nova etapa sobre este proxecto, a inversión máis grande en materia de novas enerxías que se ten levado a cabo no municipio e na súa comarca”, engade Cuiña.