O Concello de Silleda asina con Ódega o convenio de cesión da parcela para investigar a valorización de residuos agrarios

Manuel Cuiña e Miguel Soto, representante desta asociación de desenvolvemento rural, rubricaron en días pasados o acordo, que se aprobou na última sesión plenaria.
Publicado por o día 13/09/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda asina con Ódega o convenio de cesión da parcela para investigar a valorización de residuos agrarios

O Concello de Silleda vén de asinar coa Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega un convenio para a cesión dunha parcela municipal a esta entidade a fin de realizar un proxecto coa reutilización de puríns.

O alcalde, Manuel Cuiña, e Miguel Soto, en representación de Ódega, asinaron en días pasados o acordo polo que a entidade poderá utilizar a finca coñecida domo Agro de Jancín, unha parcela situada en Ponte con algo máis de 14.000 metros cadrados de superfiecie.

O Concello cede de xeito gratuito e en precario estes terreos ata o 31 de outubro de 2019 á asociación, que actúa como coordinadora do Grupo Operativo creado xunto co departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, e a Federación Galega de Medio Ambiente para a execución do proxecto de innovación denominado “Valorización de residuos agrarios na comarca do Deza”.

O obxectivo é desenvolver un sistema de xestión conxunta  dos residuos de gallinácea, porcino e residuos vexetais, mediante técnicas de compostaxe.

Así, e no marco do desenvolvemento do proxecto está prevista a construcción dunha planta piloto de compostaxe  que sirva para xestionar de forma conxunta os residuos procedentes de explotacións avícolas e porcinas intensivas da comarca.

Dende o Concello o alcalde resalta que o proxecto será beneficioso tanto para o sector agrogandeiro como para a sociedade en xeral.