O Concello de Silleda emitiu xa os recibos do servizo de augas do primeiro trimestre, cunha notable rebaixa para os usuarios

O consumo mínimo pasou de 45 a 30 metros cúbicos, cunha rebaixa no recibo de uso doméstico que oscila entre os 10-12 euros. “Silleda xa deixou de ser un dos municipios galegos coa auga máis cara grazas á decisión adoptada por este goberno municipal”, lembra o alcalde
Por o 05/06/2018 | Sección: Galicia
O Concello de Silleda emitiu xa os recibos do servizo de augas do primeiro trimestre, cunha notable rebaixa para os usuarios
Compartir en:

O Concello de Silleda vén de emitir nos últimos días os recibos do servizo de abastecemento e saneamento de augas correspondentes ao primeiro trimestre do ano (xaneiro-marzo) , nos que xa se aplican as novas tarifas.

“Os veciños e veciñas de Silleda xa están a notar nos recibos a decisión que adoptamos dende o goberno municipal, primeiro coa municipalización deste servizo que estivo durante 20 anos en mans dunha empresa privada, e despois co estudo de custes para establecer as novas tarifas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, dende o Concello procedeuse a rebaixar o consumo mínimo, “co que os veciños e veciñas de Silleda pasamos a pagar polo servizo o que realmente custa”.

Deste xeito, o consumo mínimo pasou de 45 a 30 metros cúbicos por trimestre, no caso do aboados de servizo doméstico e comercial, do que se traduce unha rebaixa de entre 10 e 15 euros por recibo no caso desta modalidade. Así, o recibo tipo pasa de algo máis de 50 euros a abonar algo máis de 30 euros por trimestre.

Nas localidades do rural que están conectadas á traída e que non contan con servizo de saneamento, os recibos medios pasaron de 21 a 15 euros.

Tamén se reduxo o consumo mínimo para as explotacións gandeiras (de 75 a 60 metros cúbicos), outra medida que contribúe a paliar a crise de sector xunto con iniciativas como a bonificación do 95% do IBI nas explotacións agrarias (á que concorreron este ano 280 entidades, dúas máis que en 2017 cando se rexistraron 278 solicitudes).

Máis de 2.000 usuarios beneficiados

“Con estas novas tarifas, como xa explicamos no seu momento tratamos de beneficiar ao maior número posible de usuarios, e neste caso a rebaixa chegará para máis de 2.000 usuarios do servizo”, engade Manuel Cuiña. Tamén se reduce o mínimo nas taxas por alcantarillado (concepto distinto á depuración), favorecendo tamén a máis de 2.000 usuarios.

“Con esta iniciativa a maioría das familias silledenses pasarán a pagar,- sempre que non excedan o consumo- aproximadamente, unha terceira parte do que están abonando cada trimestre polo consumo de auga”, engade, “co que en Silleda pasamos a ter un dos servizos de abastecemento de auga máis baratos da contorna e de deixa de ser un dos municipios galegos  ca auga máis cara grazas á decisión adoptada por este goberno municipal”, lembra o alcalde

O alcalde e responsable municipal de Facenda explica que dende o goberno se continuará traballando na revisión deste servizo ” e se as cifras o permiten volveránse a revisar as taxas”, engade.

Mellores servizos e máis inversións

Manuel Cuiña lembra que a rebaixa do prezo da auga é un dos grandes logros desta lexislatura “na que conseguimos desfacernos por fin do lastre dunha concesión que causou moitos perxuízos”, engade.

Así mesmo, ademais de citar medidas como a bonificación do IBI das explotacións, “outra medida que  beneficia a un sector económico que segue sendo a base da nosa económica”, destaca que á mellora de servizos municipais se suma a “forte inversión que se está a realizar neste ano no noso municipio con obras de calado como a construcción da Residencia e Centro de Día de Maiores, que está xa moi avanzada; a segunda fase do campo da Gandareira e urbanización de todo o entorno, ou a Rede de Calor con biomasa, unha obra pioneira en Galicia que comezará a executarse a finais deste mes”, engade.

Cuiña, que lamenta o retraso na tramitación do Plan Xeral, “que é a clave para o futuro deste municipio” advirte que nos vindeiros meses comezarán tamén outras actuacións “para seguir mellorando a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas”, engade.