O Concello de Silleda inicia os traballos para a colocación dun novo repetidor de TDT en Parada

Operarios municipais comezaron a preparar a cimentación para a posterior colocación da antena, que se trasladará de ublicación, á espera de que a Xunta coordine o cambio dos equipos. Con estes traballos mellorarase a recepción de sinal televisiva en Parada, e en varias zonas de Laro e Refoxos, tal e como se anunciou dende o goberno local
Publicado por o día 24/09/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda inicia os traballos para a colocación dun novo repetidor de TDT en Parada

O Concello de Silleda vén de iniciar as obras para o traslado e ampliación en altura da antena de TDT sita na parroquia de Parada, uns traballos que buscan mellorar a cobertura da sinal de Televisión Dixital Terrestre (TDT).

Estes traballos chegan logo do compromiso adquirido dende o goberno local para mellorar este servizo. Así mesmo, dende o Concello actúase baixo as indicacións técnicas da Secretaría Xeral de Medios, coa que se coordinará o cambio dos equipos dende a antena actual ata a nova estación, situada a uns metros, preto do cemiterio parroquial de Parada.

Ademais de trasladar a antena, tamén se optou por elevala varios metros para mellorar  o sinal de entrada, onde parece que radicada o problema das interrupcións nas emisións que se viñan detectando nos últimos meses.

“Tal e como explicamos no seu día aos veciños e veciñas, dende o Concello de Silleda, conscientes dos graves trastornos que estaba a ocasionar este servizo na zona, asumiremos o custe dos traballo, á espera de que con estes cambios se solucionen dunha vez por todas os problemas de rececpción da sinal televisiva”, explica o alcalde, que visitou os traballos xunto co concelleiro da zona, Jesús Taboada.

Este repetidor, que da servizo ademais de a Parada a localidades de parroquias como Laro ou Refoxos, xa sufriu modificacions nos últimos anos, como a elevación da antena, para tratar de mellorar a recepción.

O Concello asinou en 2011 coa  Secretaria Xeral de Medios un convenio para levar a cabo esta instalación. Dende 2013 dende o Concello de Silleda solicitáronse en distintas ocasións revisións técnicas por parte dos responsables da Oficina da TDT da Xunta, á vista de que a masa forestal da zona afectaba ao sinal (motivo polo cal se elevou a antena no seu día) e doutros problemas que se producían cando había tormentas, entre outros.