O Concello de Silleda reclama a Educación a construcción dun novo CEIP en Silleda

“A antigüidade do centro e as graves deficiencias estructurais xustifican unha solicitude que cremos xusta”, indica o alcalde Manuel Cuiña que vén de remitir unha carta ao conselleiro na que advirte que xa non caben máis reparacións puntuais no colexio, con 333 alumnos/as neste curso
Publicado por o día 13/04/2018 na sección de Galicia

O Concello de Silleda reclama a Educación a construcción dun novo CEIP en Silleda

O Concello de Silleda vén de pedir a construcción dun novo centro para o CEIP Plurilíngüe de Silleda. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, remitiu unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que reivindica esta dotación pola antigüidade do centro –con case 50 anos- e as múltiples deficiencias estructurais que presenta o actual centro.

“As eivas na estructura deste colexio fan que xa non sirvan os arranxos puntuais”, indica o rexedor, lembrando os problemas que vén acusando o centro nos últimos anos con filtracións na cuberta, ventanas anticuadas –que dimunuen a eficiencia enerxética-, humidades, mal estado dos peches exteriores  ou a falta de pasarelas ou zonas cubertas no patio, que provocan que os alumnos de Infantil se teñan que desplazar ata o comedor mollándose en días de choiva, entre outros.

“Nos últimos anos non se teñen acometido grandes reformas, e vista a situación do centro consideramos que a mellor opción pasa por construir un novo colexio”, indica Cuiña.

O CEIP Plurilingüe de Silleda conta no curso actual con 333 alumnos e alumnas.

“Visto que nos últimos anos dende a Consellería de Educación se teñen executado novos edificios para centros de menor antigüidade ou similar ou noutros casos importantes reformas integrais, consideramos que é de xustiza reclamar un novo colexio para Silleda”, engade.

Próximos pasos

A petición é o primeiro paso dun proceso que o goberno municipal continuará nas vindeiras semanas a raíz desta proposta.

Así, o alcalde explica que se convocará unha xuntanza coa comunidade educativa do CEIP de Silleda para explicar esta petición.

Do mesmo xeito, tamén está previsto convocar unha reunión cos grupos políticos da Corporación, “dos que agardamos ter o seu apoio para reclamar ante a Consellería, que é quen ten as competencias en materia educativa, a construción dun novo centro”, engade.