O Concello de Tomiño recupera a vexetación natural da zona da Atalaia, próxima á Ponte da Amizade, para crear un novo espazo verde

Esta semana realizouse unha das limpezas periódicas do bosque nas que participan persoas voluntarias de diferentes entidades
Publicado por o día 26/10/2019 na sección de Galicia,Tomiño

O Concello de Tomiño recupera a vexetación natural da zona da Atalaia, próxima á Ponte da Amizade, para crear un novo espazo verde

O Concello de Tomiño está inmerso nun proceso de rexeneración vexetal da zona boscosa da Atalaia, próxima á Ponte da Amizade, e de gran valor medio ambiental, incluída dentro da Rede Natura 2000.

Tanto o Concello coma a familia do pintor Xavier Pousa (propietaria dunha parte dos terreos) promoveron nos últimos anos a corta de grandes eucaliptos e a posterior eliminación dos rebrotes. Ambas vontades conflúen nun proxecto para erradicar especies invasoras como eucaliptos comúns, acacias negras (ou australias) e outras plantas exóticas, coma a Herba da Fortuna, tintureira ou falsos bambús, que poñen en perigo a recuperación das plantas autóctonas do estrato herbáceo dos bosques nativos.

Nesta zona, mantense unha ruta con sinalización de plantas características do bosque de ribeira, coma as carballeiras galaico-portuguesas que se mantiveron na Atalaia. Tamén levouse a cabo a plantación de especies típicas coma érbedo, carballo, abeleira, pradairo, soldaconsolda, etc.

Xurxo Mouriño, biólogo da empresa Arcea, contratada para dirixir as tarefas, explica que só no derradeiro ano, elimináronse máis de 1500 eucaliptos e 400 rebrotes; 3100 exemplares de Herba tintureira e 700 metros cadrados de Herba da fortuna; 300 de acacia negra e 260 de camiceira. “Hai tres anos isto era un eucaliptal; na actualidade queda aínda un cuarto do que había inicialmente. Facemos quendas periódicas de traballo para controlar os rebrotes. A idea do Concello é a de crear un espazo verde para a cidadanía”, comenta o experto.

Quendas de limpeza

Varias veces ao ano, a Concellaría de Medio Ambiente do Concello tomiñés, que na actualidade dirixe Ana Belén Casaleiro, organiza quendas de limpeza, botando man tamén de persoas voluntarias da OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) e doutras entidades sen fins de lucro, coma a Comunidade Terapéutica Alborada, con sede en Piñeiro (Tomiño), ou Avelaíña, da

Guarda. Precisamente esta semana tivo lugar unha desas saídas, nas que se traballou intensamente para manter a raia a vexetación invasora; especialmente a Herba da fortuna, planta de orixe suramericano, introducida no seu momento coma especie ornamental.

Comentar noticia

Your email address will not be published.