O Concello de Vigo continúa co ciclo “Falemos das Illas Cíes” cunha charla sobre aves mariñas e procesos ecolóxicos

O ciclo, que comezou o mes de agosto cunha grande implicación da cidadanía, está aportando un extraordinario valor engadido á candidatura das Illas Cíes, afondando no coñecemento científico sobre o arquipiélago.
Publicado por o día 23/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello de Vigo continúa co ciclo “Falemos das Illas Cíes” cunha charla sobre aves mariñas e procesos ecolóxicos

O mércores 24 de outubro, ás 20:30 h, terá lugar a cuarta xornada do Ciclo de Conferencias “Falemos das illas Cíes”, dentro do programa de divulgación científica da Candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade, impulsada por Alcaldía do Concello de Vigo.

Tras alcanzar unha gran participación da cidadanía nas tres anteriores sesións, onde decenas de vigueses gozaron de conferencias impartidas por investigadores de prestixio internacional, nun ambiente distendido e próximo, organízase a xornada “Aves mariñas e procesos ecolóxicos nas illas Cíes”.

Continúa a programación no mercado gastrobar do Berbés, grazas á cal seguiremos descubrindo a cara máis oculta das illas Cíes: o seu verdadeiro valor científico e natural. Para iso, nesta ocasión, contaremos cos investigadores Alberto Velando, Profesor Titular de Universidade de Vigo, recoñecido ornitólogo e especialista en ecoloxía de aves mariñas e Carlota Barañano, membro do Comité de Candidatura Illas Cíes Patrimonio da Humanidade, especializada en conservación mariña.

As illas Cíes forman parte dunha contorna cunha enorme produtividade mariña que historicamente permitiu manter unha das maiores colonias de aves mariñas de Europa. A importancia das aves mariñas desta contorna fixéronas merecedoras da declaración como Zona de Especial Conservación para as Aves ( ZEPA) pola Rede Natura 2000.

As tendencias destas poboacións sufriron cambios importantes nos últimos anos, desaparecendo algunhas das especies e aparecendo outras novas que colonizan o arquipélago.

A través desta conferencia tratarase a importancia das colonias de aves mariñas a nivel mundial, as especies que podemos atopar nas illas Cíes e as tendencias destas poboacións. Verase a importancia das colonias de aves no ecosistema global das illas Cíes e como conectan o sistema terra-mar, chegando mesmo a modificar e conformar a paisaxe dos cantís.

Alberto Velando

Profesor Titular da Universidade de Vigo, Doutorado en Bioloxía. A súa actividade investigadora céntrase en ecoloxía evolutiva, ecoloxía mariña e bioloxía da conservación, utilizando principalmente as aves mariñas como modelos de estudo. Desde 1992, a súa investigación sobre aves mariñas veuse realizando principalmente nas illas das rías galegas e en illas de Perú e México.

Participou e dirixiu un bo número de proxectos de investigación de ámbito nacional e autonómico. Publicou 112 artigos en revistas indexadas nos campos de Ecoloxía, Evolución e Bioloxía da Conservación. Impartiu numerosas conferencias e presentado relatorios nos principais congresos internacionais e nacionais do ámbito do comportamento animal e a ornitoloxía.

É membro do comité científico da Sociedade Española de Ornitoloxía e actualmente Secretario da Sociedade Española de Etología e Ecoloxía Evolutiva. É membro do Padroado do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Carlota Barañano

Graduada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, realizou o Máster Internacional “Master of Science in Marine Conservation”, pola Universidade de Oviedo. Actualmente, membro do Comité Técnico de Candidatura e doutorada no programa de doutorado “Ecosistemas, uso sustentable e implicacións ambientais” da Universidade de Vigo. Realizou investigacións relacionadas coas praderías de fanerógamas mariñas e conta con varias publicacións en revistas científicas e relatorios en congresos internacionais. Colaborou con diversas entidades en tarefas de consultoría especializada en avaliación de procesos territoriais, xestión do territorio e sistemas de información.