O Concello de Vigo está en venda

Denuncian a redución do orzamento destinado á contratación de persoal temporal no Concello de Vigo
Publicado por o día 17/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Sindicatos,Vigo

O Concello de Vigo está en venda

O comité de persoal do Concello de Vigo -integrado pola CIG, CUT, CCOO, SICO-CSIF, SPPME, UGT- amosa o seu rexeitamento ás políticas orzamentarias do alcalde, Abel Caballero, e denuncia a intención do Goberno municipal de aplicar o incremento do 0,9% do Capítulo 1 do Orzamento 2021 a cargo dos remanentes derivados da partida de prazas vacantes. Entenden que detrás destas prácticas agóchase a intención de someter os servizos públicos municipais a un proceso de degradación continua en favor da súa privatización.

Esta decisión dos responsábeis locais traducirase en que durante o próximo ano a partida para contratación verase reducida, coa conseguinte redución na contratación de persoal temporal. “Unha vez máis o alcalde actúa co escuro propósito de someter os servizos públicos municipais a un proceso de degradación continua en favor da súa privatización”, critican.

Inciden en que hoxe máis ca nunca é necesario o reforzo en persoal das Administracións públicas, e con esta redución, unha vez máis, os servizos públicos vénse resentidos e semellan orientados a un progresivo proceso de privatización. “A defensa dos servizos públicos a disposición da cidadanía non se pode basear en actuacións de inspiración populista exercidas só sobre o gasto público, senón con políticas responsábeis nas que se prime a satisfacción das necesidades reais da poboación, sobre todo en momentos tan críticos como os que estamos a vivir”.

Lembran que a defensa dun “estado social de dereito xusto, solidario e equitativo” precisa dun importante investimento público por parte das Administracións, “orientadas á xeración e non á destrución do emprego”. Consideran que este investimento debera asumirse, de maneira prioritaria, naqueles servizos de prestación obrigatoria que, por resultar esenciais e prioritarios para a sociedade, deben ser ofertados á cidadanía. “Pero ao mesmo tempo requírese dun mínimo exercicio de contención, de racionalización e de moderación no gasto público fronte a ocorrentes iniciativas políticas que pouco ou ningún beneficio xerarán para os sectores máis desfavorecidos da sociedade”.

Prioridades no gasto público

Neste senso, sinalan que a seguridade pública, a plena política social ás persoas dependentes e máis desfavorecidas e o acceso universal da veciñanza aos servizos públicos máis básicos son as liñas inspiradoras do gasto público que calquera gobernante debera ter en conta na súa xestión. “Sobre todo, e de maneira moi especial, nuns momentos de crise económica e sanitaria tan graves como os que estamos vivindo”.

Así, fan fincapé en que non son, precisamente, as obras “de cuestionábel utilidade pública”, nin as actuacións urbanizadoras “de dubidosa funcionabilidade urbana”, aqueles investimentos de diñeiro público que mellor contribúen a incrementar a calidade de vida da cidadanía.

“Para atender ás necesidades reais que, nestes dramáticos momentos, demanda a maioría da poboación, requírense políticas con vocación de servizo, claramente orientadas á satisfacción daquelas necesidades e a través dun sector público forte”. Diante disto, instan a Administración local a dotarse cos medios humanos e materiais necesarios para exercer as competencias que a Constitución lle atribúe ás Administracións municipais. “Servizos que deberán ofrecerse, sempre e en todo lugar, con arranxo aos mais elementais estándares de calidade que merece a cidadanía”.

Finalmente, lamentan que estes obxectivos distan moito de ser acadados polo actual Goberno municipal, “que semella estar máis preocupado por non poder darse un baño de multitude co gallo da inauguración do espectáculo lumínico do Nadal que en atender as penurias reais da veciñanza”.

Manifestacións

Algunhas persoas do comité do Concello de Vigo denunciaron nas redes sociais o veto a manifestarse en dependencias do mesmo, desde hai unhas semanas decidiron poñer carteis mostrando o que esta pasando no concello para que a xente do común decátese o que esta pasando, mentres tanto o concello lles a ordenado a sacar todo tipo de denuncia pública.

Comentar noticia

Your email address will not be published.