O Concello de Vigo establece plans de tráfico para facilitar a mobilidade dos peóns no Nadal

O alcalde de Vigo avanzou este mércores as medidas de tráfico que vai tomar o Concello o día do acendido da iluminación navideña e o resto do Nadal. Abel Caballero advertiu de que as previsións meteorolóxicas aínda poden obrigar a modificar a data de acendido.
Publicado por o día 21/11/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello de Vigo establece plans de tráfico para facilitar a mobilidade dos peóns no Nadal

Abel Caballero anunciou este mércores, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación, que o Concello de Vigo xa ten preparado os plans de tráfico para facilitar a mobilidade de peóns durante o vindeiro sábado, día de acendido do alumeado, e para o resto das festas navideñas.

Segundo explicou o alcalde, as previsións meteorolóxicas condicionan a elección do sábado para o acto de acendido, polo que non será ata unhas horas antes cando se decida. En calquera caso, o rexedor avanzou que xa está lista a planificación para que todos os cidadáns e visitantes poidan acudir con seguridade a zona máis céntrica da cidade na que se concentran os principais elementos decorativos.

“Neste momento seguemos coa data do sábado ás 19:30 horas, pero as previsións son males, moita choiva. Quedan tres días, se se adiantase a franxa de auga unhas doce horas, poderíamos celebrar o acto no día fixado, pero hai que esperar”, indicou.

O primeiro plan deseñado polo Concello para ese día establece que o Centro de Coordinación estará situado na Xefatura da Policía Local, en permanente contacto coa sala de pantallas municipal e coa Dirección Xeral de Tráfico, así como Autoestradas do Atlántico.

O peche da circulación será progresiva, explicou Caballero, en base aos datos que se reciba o Centro de Coordinación e os cortes de tráfico comezarán as 16:30 entre Porta do Sol e rúa Reconquista (Teatro García Barbón), para continuar ás 17:00 horas (aprox.) co peche da contorna da Farola (Urzaiz con Colón) e as 17:30 (aprox.) na rúa Lepanto (Urzaiz con Gran Vía). Ás 18:00 horas toda a zona de influencia do alumeado navideño estará cortada, incluídos os aparcamentos de Velázquez Moreno, Policarpo Sanz, Colón e Uruguay, dos que non se poderá salir ata as 22:00 horas.

Ademais, o alcalde sinalou que o acceso á AP-9 pola Gran Vía quedará pechado e permitirase a entrada pola Baixada á Estación e Lepanto (sentido contrario ao habitual). A Central de Coordinación tamén estará en contacto coa DGT e Autoestradas do Atlántico para pechar, se é necesario, a saída de Alfonso XIII e desviar o tráfico pola saída de Isaac Peral.

Da mesma forma, quedarán pechadas ao tráfico os cruces da rúa Concepción Arenal e Colón (instalación do moneco xigante) e a intersección de Rosalía de Castro con Serafín Avendaño (pantalla na rotonda). Todo o acto será retransmitido en sete pantallas colocadas en Porta do Sol, Casa das Artes, cruce de Colón con Policarpo Sanz, praza de Urzaiz (A Farola), Príncipe con Velázquez Moreno, Urzaiz con Lepanto e rotonda de Rosalía.

En canto aos medios despregados, Caballero sinalou que haberá 90 axentes da Policía Local: 90 agentes, tres vehículos de Bombeiros (Porta do Sol, Farola e Castelo de San Sebastián) con 10 efectivos, 100 voluntarios de Protección Civil, ambulancias en Dr. Cadaval, Elduayen e Urzaiz, un posto médico avanzado e unha oficina de coordinación en Policarpo Sanz (diante do Teatro García Barbón), un punto de encontro de nenos e obxectos perdidos en Policarpo Sanz e unha zona para persoas con mobilidade reducida.

Respecto as recomendacións, o alcalde lembrou que os cidadáns deben evitar o uso do vehículo privado, deben ter en conta que ás rúas cortadas non poderán acceder desde as horas establecidas e que terán que respectar os corredores de evacuación e zonas de paso delimitado nos laterais de Porta do Sol.

Desde o 25 de novembro ata o 6 de xaneiro
Na súa rolda de prensa, Abel Caballero tamén avanzou o plan de tráfico que quedará establecido desde o 25 de novembro ata o 6 de xaneiro. Así, haberá cortes de tráfico todos os venres, sábados, domingos, festivos e vésperas de festivos entre as 18:00 e as 22:00 horas no Paseo de Alfonso e Elduayen (descendente), na Porta do Sol e no carril de Colón ata República Arxentina (tráfico ascendente polo carril bus).