O Concello de Vigo exhibe a súa oferta “sen límites” coas luces de Nadal como gran reclamo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid a cidade olívica como un destino “sen límites” de atractivos e tamén de oportunidades para visitala ao longo do ano.
Publicado por o día 24/01/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello de Vigo exhibe a súa oferta “sen límites” coas luces de Nadal como gran reclamo

O acto de presentación consistiu nunha entrevista informal ao alcalde por parte da xornalista viguesa Noelia Otero, na que o rexedor repasou os principais atractivos turísticos da cidade máis aló dos seus encantos gastronómicos e das illas Cíes.

A iluminación do Nadal, tendencia nas redes sociais e cunha ampla repercusión nos medios de comunicación, é o principal gancho que Vigo quere espremer para desestacionalizar a súa actividade turística.

O entroido é outra das apostas de futuro de Vigo para fidelizar aos seus visitantes, do mesmo xeito que a Festa da Reconquista, na que se rememora a expulsión das tropas napoleónicas; os concertos musicais en Castrelos ou o turismo industrial.

Todo iso sen esquecer a súa gastronomía, “a mellor do mundo”, en palabras de Caballero, e o seu buque insignia en canto á promoción turística da cidade: as Illas Cíes, cuxa declaración como patrimonio da humanidade por parte da Unesco promove o Concello de Vigo.

Pero sen ningunha dúbida, a gran aposta de Vigo por desestacionalizar a súa actividade turística son as luces de Nadal. Abel Caballero cifrou en dous millóns de persoas as que se pasearon polas rúas iluminadas o pasado Nadal e tirou de ironía para afirmar que o chamou o alcalde de Nova York rendido aos encantos da iluminación viguesa, e que o próximo 23 de decembro asistirá ao acto de aceso. É máis, afirmou que non coñece “a ninguén” que non fóra a Vigo durante as festas do Nadal. E como colofón, proclamou: “para ir ao ceo hai que ir polo menos unha vez a Vigo por Nadal. Quen non vaia, vai ao inferno”.

Máis en serio, apuntou que o segredo do éxito estivo en recuperar a “forma xenuína” de gozar estas festas e ao tempo engadirlle “arte, gusto, luces, decoración e alma”. Caballero fixo fincapé en que durante o Nadal “desatouse a euforia” na cidade. Aludiu a que un cruceiro cunhas 5.000 persoas a bordo atrasou o seu saída tres horas para que a pasaxe puidese ver as luces e a que os trens con destino Vigo “viñan cheos e non paraban en estacións intermedias”.

Durante o acto de presentación proxectouse un vídeo no que se define a Vigo como unha cidade que “fai camiño e cóidache”, en referencia aos seus espazos verdes; onde “a cor inspira os teus pasos” coas medianeiras decoradas, e que “vive o presente e o futuro”, con imaxes dos ascensores e as escaleiras mecánicas para salvar as pronunciadas pendentes das súas rúas.