O Concello de Vigo inicia a montaxe do alumeado de Nadal e xa planifica unhas festas “con seguridade 100%”

O alcalde de Vigo participou este mércores no acto de inicio de montaxe das luces do Nadal 2020. Caballero avanzou algunhas das novidades para este ano e asegurou que o principal obxectivo é preparar un protocolo anticovid para que sexan “unhas festas con seguridade 100%”.
Publicado por o día 19/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello de Vigo inicia a montaxe do alumeado de Nadal e xa planifica unhas festas “con seguridade 100%”

O Concello de Vigo comezou este mércores a instalación da decoración do Nadal 2020 nun acto presidido polo alcalde, Abel Caballero, e celebrado nun dos puntos estratéxicos para as novas festas. “Comezamos a instalación das luces do mellor Nadal do mundo”, anunciou o rexedor durante a multitudinaria conferencia de prensa.

Segundo os datos avanzados por Caballero, o alumeado de Nadal chegará a 334 rúas e 450 árbores con 2.700 adornos, e terá 10 millóns de luces led. “Queremos celebrar o Nadal, hai que recuperar esta festa como parte da cultura occidental, sabemos que a moita xente non lle gusta por razóns ideolóxicas, pero a nos si e queremos que a xente veña a desfrutar”, sinalou.

Respecto ao ano pasado haberá cambios, posto que as obras e as novas medidas de seguridade obrigan a trasladar a árbore xigante desde Porta do Sol a Policarpo Sanz, pero as actividades seguirán chegando a toda a cidade, desde Bouzas a Coia, O Calvario ou A Doblada.

O alcalde explicou que a instalación arranca con vinte días de antelación respecto ao ano pasado a petición da empresa, que solicitou máis tempo polas normas covid, e para que todo estea listo a finais de novembro, cando levarase a cabo o acendido.

Protoloco anticovid

“As luces xa están contratadas desde hai dous anos, porque o Nadal de Vigo non é un fenómeno improvisado, ten moito traballo detrás, moita anticipación para estar en tempo e forma preparado. Instalar e iluminar 334 rúas non é tarefa fácil, por iso comezamos en agosto”, explicou Abel Caballero.

O alcalde sinalou que nos vindeiros días irán avanzando as novidades e aclarou que haberá un “protocolo covid con seguridade ao 100%”. “Xa o programamos nas praias e funcionou moi ben, non houbo en todo o verán ningún problema, xa estamos preparando un protocolo de seguridade total con normas moito máis estritas que as xerais de España e Galicia, extraordinariamente estritas, porque queremos un Nadal seguro ao 100%”, insistíu.

Así, o rexedor apuntou que as actividades xirarán en torno a propia rúa Policarpo Sanz, xa que en termos de capacidade ten máis do triplo que o Príncipe, o que permitirá ampliar as distancias entre a xente. “Non descartamos poñer aforo por rúas, aquí haberá aforo, en Príncipe tamén, Colón e outras zonas de diversión…”, engadíu.

Orzamento e afluencia

O custe da instalación das luces é de 800.000 euros e os rexistros de afluencia do ano pasado na zona cero do Nadal, na contorna da Porta so Sol, apuntan a que houbo case 4 millóns de estancias, en base ás medicións feitas por telefonía móbil.

“O Nadal de Vigo é un elemento destacable en España, resto de Europa e outros continentes. Faremos un Nadal 2020 excepcional, bonito, cun gran desenvolvemento cultural, concertos e seguridade covid 100%”, concluíu Caballero.

Comentar noticia

Your email address will not be published.