O Concello de Vigo reclámalle á Xunta a desinfección dos parques infantís

Publicado por o día 08/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello de Vigo comunicou que, de novo, a Xunta de Galicia se nega a pagar a desinfección de parques infantís, áreas biosaudables e pistas deportivas da cidade. A Xunta de Galicia ten recibido millóns de euros do Goberno de España para atender estas obrigas derivadas da pandemia do Covid-19 e, en Vigo, négase a pagar a desinfección destes espazos.

Ante esta nova negativa do goberno autonómico a asumir as súas responsabilidades, o Concello está tramitando un novo contrato de desinfección asumindo o custo íntegro deste labor nos parques infantís, áreas biosaudables e pistas deportivas municipais. Debido a isto e ata que o contrato poida ser adxudicado, a neglixencia da Xunta de Galicia obríganos a pechar unha parte destes espazos.

Así, desde o vindeiro luns 11 de xaneiro permanecerán abertos os parques infantís do antigo cuartel de Barreiro, Jenaro de la Fuente, Pedro Alvarado, Praza Maruxa Mallo, Venezuela, O Castro 1, O Castro 2, Praza Independencia, Praza Emigrante 1, Praza Emigrante 2, Praza Emigrante 3, Alameda Suárez Llanos, Teixugueiras 26, Teixugueiras 30 e Castrelos. Amais, quedan ao dispor da cidadanía as áreas biosaudables do Castro, Castrelos e Avenida de Castelao e as áreas deportivas ximnásticas do Castro e Castrelos 1. Estas instalacións serán desinfectadas pola empresa que actualmente presta o servizo de mantemento de parques. O Concello traballa nun novo contrato que permitirá ampliar as superficies abertas e desinfectar todas as áreas que están en funcionamento agora. Desde o inicio da pandemia, Vigo executou xa dous contratos para a desinfección de parques infantís, áreas biosaudables e pistas deportivas por valor de 500.000 euros, unha cantidade dedicada a maiores do mantemento preventivo e correctivo das instalacións que se realiza de xeito habitual, cun contrato en vigor por importe de case 6 millóns de euros nun período de cinco anos.