O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores en rolda de prensa das licitacións que ten en marcha actualmente o Concello. “Hai un traballo masivo de contratación de obras para xeración de emprego e lanzamento da economía na cidade”, sinalou.
O rexedor explicou que os contratos en fase de presentación de ofertas suman máis de 15 millóns de euros. “A día de hoxe hai 28 contratos en licitación, é un caso único, non hai ningún concello en España que teña este nivel de actuación”, indicou.
Entre os contratos destacou as obras de “Humanización da rúa Hispanidade, entre Zamora e Pintor Colmeiro” (771.577 euros), o Servizo de desbroce e limpeza de biomasa vexetal en fincas con risco de incendio (525.000), a construción de beirarrúas no Camiño da Pomba (153.000), o proxecto de “Construción de beirarrúas na estrada da Balsa – Matamá” (206.000), a construción de beirarrúas na Estrada da Venda” (269.358), a Humanización da rúa Taboada Leal, entre a rúa ronda de Don Bosco e a rúa Venezuela” (565.000), Renovación das redes de saneamento e abastecemento na rúa Serafín Avendaño, entre Areal e a rúa Rosalía (286.000), Humanización das rúas Julia Minguillón e Vista Alegre (1.070.668), Proxecto de cubrición do patio do colexio Balaídos (397.485), Melloras do firme en distintos viais no Concello de Vigo (1.300.000), Humanización da rúa García Barbón, entre a rúa Rosalía de Castro e a rúa Isaac Peral (2.197.043), Reforma da instalación de iluminación pública no Parque de Castrelos (622.680), Xestión da escola infantil municipal “Navia”: (1.197.382) e a conexión peonil entre as rúas Serafín Avendaño e Vía Norte no Concello de Vigo (1.202.971).
Noticias de última hora en Vigo