O Concello de Vilagarcia establece o marco legal para crear unha rede de voluntariado municipal

A disposición amosada por moitos vilagarciáns dende o inicio da pandemia para colaborar de forma altruísta e axudar alí onde a sociedade o necesitase nestes complicados momentos acelerou os plans do goberno local de Vilagarcía de crear unha Rede de Voluntariado Municipal, debidamente organizada e regulada, que canalizase a acción desas persoas que, a modo individual, se ofrecían como voluntarios.
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Galicia,Vilagarcia

O Concello de Vilagarcia establece o marco legal para crear unha rede de voluntariado municipal

O traballo conxunto das concellerías de Xuventude e Voluntariado e de Servizos Sociais dou pé á elaboración do regulamento que dotará de marco legal a esa estrutura de voluntarios que coordinará o Concello e que estará aberta a maiores de 16 anos e a todo tipo de temáticas (social, medioambiental, cultural, xuvenil…), en función das necesidades que a sociedade vilagarciá vaia demandando en cada momento.

As concelleiras Tania García e Alba Briones explicaron que o primeiro paso para crear esta rede tiña que ser dotala do marco legal axeitado, que garantise tanto a organización e o correcto funcionamento da mesma, como a cobertura legal dos propios voluntarios e a súa labor, de aí o regulamento que a próxima semana se someterá a aprobación do Pleno da Corporación. No documento recóllense aspectos diversos tales como os dereitos e deberes dos voluntarios; a obriga do Concello de subscribir os correspondentes seguros de accidentes e responsabilidade civil e de promover a formación dos voluntarios, o procedemento de ingreso na rede e os requisitos a cumprir, a realización das campañas e o sistema de organización das labores de voluntariado que serán dirixidas e coordinadas polos Servizos Sociais municipais.

García Sanmartín explicou que con esta rede preténdese canalizar a solidariedade dos vilagarciáns e o desexo de moitas persoas que, de xeito individual, sen estar ligado a ningunha asociación ou ONG, querían participar de forma activa na súa contorna social realizando labores de voluntariado.

Tras a aprobación no Pleno do regulamento, poranse en marcha campañas de captación de voluntarios. Os institutos serán uns dos puntos polos que se comezará a difusión desta iniciativa para animar á poboación xuvenil a participar nestas actividades altruístas organizadas dende o Concello. Pro tamén se realizarán campañas destinadas á poboación adulta prestando especial atención ás persoas maiores e xubiladas “que dispoñen de máis tempo libre, de coñecementos, experiencia e gañas de seguir contribuíndo á sociedade e de sentirse útiles”, en palabras de Tania García. Neste punto a concelleira apuntou que o voluntariado reporta beneficios nas dúas direccións. Resulta positiva para o conxunto da comunidade que recibe esas prestacións, como para as persoas que realizan o voluntariado, actividade que contribúe ao desenvolvemento é a realización persoal.

As persoas interesadas en formar parte da Rede de Voluntariado Municipal poden inscribirse no departamento de Voluntariado da Concellería de Xuventude. Poderán facelo os menores de idade a partir dos 16 anos (con consentimento dos pais) e calquera persoa maior de 18.

Comentar noticia

Your email address will not be published.