O Concello decántase por un segundo encoro xunto a Eiras para solucionar “o problema máis importante desta cidade”

Abel Caballero recoñeceu hoxe xoves ao Goberno de España que considere “prioritario” solucionar definitivamente o problema do abastecemento de auga en Vigo e comarca. O alcalde avoga por estudar técnicamente todas as opcións: un transvase desde o Miño, o recrecido de Eiras ou construír un segundo encoro xunto a Eiras. Este último ofrece vantaxes como unha calidade de auga “excepcional”.
Publicado por o día 13/09/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello decántase por un segundo encoro xunto a Eiras para solucionar “o problema máis importante desta cidade”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, mantiveron unha reunión en Madrid o pasado 28 de agosto, segundo recordou este xoves o rexedor, froito da cal o departamento estatal vén de anunciar a convocatoria dunha reunión a tres bandas na que analizar as opcións posibles para solucionar de forma definitiva o problema do abastecemento de auga a Vigo e a súa área metropolitana. É “o problema máis importante desta cidade”, asegurou o primeiro edil.

Caballero recoñeceu e agradeceu á ministra que teña esta cuestión como “absolutamente prioritaria” e convoque á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo a unha reunión -logo de “oito anos esperando” co anterior executivo central- na que estudar as tres alternativas que se barallan: o recrecido do actual encoro de Eiras, facer un segundo xunto ao actual e un transvase desde o río Miño.

O alcalde amosouse “aberto a todo” e defende a adopción dunha decisión en base ao análise técnico de todas as opcións. Segundo as primeiras valoracións, indicou o alcalde, elevar os muros do actual encoro de Eiras sería a opción “máis barata pero técnicamente complexa” xa que “os técnicos non se poñen de acordo en se o encoro aguantaría”.

O goberno vigués valora positivamente as vantaxes que ofrece erixir un segundo encoro “na cola do actual” Eiras. Abel Caballero explicou que “non presenta ningún dano ecolóxico nin social”, non é unha zona habitada e podería “aproveitar o caudal do río Oitavén” para encher o depósito no inverno. Ademais, a calidade da auga é “excepcional” e chegaría á rede viguesa por gravidade, sen precisar apenas de bombeos.

Por último, detallou Caballero que a Xunta de Galicia propón un transvase desde o río Miño á condución de auga de Vigo e a súa área metropolitana. Reiterou o alcalde a necesidade de estudar todas as vías posibles desde un punto de vista técnico, mais advertiu sobre a calidade desta auga: “por este río van as saídas de todas as depuradoras da zona”. Por outro lado, o custo do bombeo sería “carísimo”.

Por último, o alcalde de Vigo volveu urxir á Xunta de Galicia a facer o transvase de emerxencia desde o río Verdugo ao Oitavén, acordado o pasado ano co Concello e sufragado case integramente por Vigo, pois as opcións que se barallan como solución definitiva tardarán “anos” e “nada garante que este outono non teñamos problemas”. Caballero recordou que o pasado ano Vigo estivo “a un mes” de quedar sen auga.