O Concello destina 33 millóns de euros de remanentes a 50 accións para dinamizar a economía da cidade

O goberno municipal investirá 33 millóns de euros de remanentes a 50 “accións de humanización, eficiencia enerxética, ramplas mecánicas e accións en espazos verdes como nunca antes se fixo na historia da cidade”, apuntou o rexedor, que adiantou que “imos a unlla de cabalo porque queremos comezar este ano con esta inmensa cantidade de investimento”. Así, a Xunta de Goberno Local aprobou xa a modificación do orzamento deste ano.

Para Caballero esta “mobilización masiva de recursos” permitirá “dinamizar a economía da cidade. Entramos nun momento de acción, cambio e transformación facendo o Vigo de finais do século XXI” nun “proceso de modernización que nunca tivo Vigo na súa historia”. O rexedor engadiu que o Concello ten mobilizados na actualizade 63 millóns de euros en investimentos, aos que haberá que sumarlle o investimento do orzamento do vindeiro ano, o convenio coa Deputación de Pontevedra e os recursos europeos.

O alcalde enumerou os proxectos aos que se van dedicar os 33 millóns de euros de remanentes. No centro da cidade: a cuarta fase da humanización de Alcalde Gregorio Espino (1.600.000 euros), a humanización da rúa Valladolid (450.000 euros), a iluminación do Parque de Castrelos por valor de 623.000 euros, a humanización dun tramo enteiro da Estrada Clara Campoamor, desde a rúa Ramiro Pascual ata o hospital, por importe de 463.000 euros; o ascensor que unirá a nova Praza da Estación con Vía Norte (450.000 euros), o inicio do concurso de ideas e o proxecto do ascensor entre García Barbón e Vía Norte (500.000 euros), as humanizacións de García Barbón, entre Rosalía de Castro e Isaac Peral (2.197.000 euros), Tercio de Afora (274.000 euros), Julia Minguillón e Vista Alegre (1.070.000 euros), rúa Troncoso (362.500 euros), Colombia, fase 2, (749.000 euros), rúa Romil (1.230.000 euros), rúa Marín (218.000 euros), rúa Rosal (450.000 euros) e a fase sexta e última da rúa Aragón (570.000 euros).

O goberno municipal humanizará tamén a Praza da Miñoca (1.600.000 euros), a Praza Elíptica “para transformala en espazo de acción cultural”, por un importe de 2.320.000 euros; construirá a escaleira mecánica da rúa Talude (750.000 euros); acometerá unha gran reforma do túnel de Beiramar con melloras da seguridade e a iluminación e arranxo das paredes por un valor 1.500.000 euros; construirá un ascensor entre Travesía de Vigo e a rúa Aragón -á altura do 160 de Travesía e o 203 de Aragón-, ao carón da igrexa de Santo Cura de Ars cun importe de 900.000 euros; cubrirá o patios do colexio Villalaura (350.000 euros) tamén cubrirá o tranvía histórico situado en Coia para evitar o seu deterioro (124.000 euros).

En Coruxo, o rexedor avanzou que se reformará o campo de fútbol O Vao (642.500 euros) e que se construirá un auditorio (902.000 euros). En Lavadores realizaranse as humanizacións da rúa Fontáns (58.000 €), Curros (89.500 €), Subride (53.500 €), Areeiro (154.000€), Rosal Florido (62.000€), Bagunda (54.500€) e Paz Pardo (496.000€) ademais de acometer reformas estruturais no Parque central de servizos por un importe de 426.000 euros.

En Teis, o Concello dedicará fondos dos remanentes á humanización das rúas Foxos (56.000 €), Purificación Saavedra, fase 2 (312.500 euros), Travesía de Guixar (45.500 euros), a Vía Verde desde Vía Norte ata a confluencia con Redondela (2.968.000 euros), instalará unha rampla mecánica no Centro de saúde para salvar a pendente (1.300.000 euros), construirá a nova biblioteca municipal de Teis (900.000 euros) e cubrirá o patio do colexio Frián (350.000 euros). En Valladares, humanización de Camiño Laranxo (136.000 euros), Estrada do Freixo (274.500 euros) e Torreiro de Valladares (237.000 euros). Amais, o goberno municipal reserva un 350.000 euros para investir en gardarraís de seguridade e 60.000 euros para melloras en instalacións deportivas.

En Beade, dedicaranse fondos de remanentes á humanización de Camiño da Brea (227.000 euros) e rúa Costa da Gándara (162.500 euros). En Cabral á humanización da Praza da Feira (152.000 euros), Penís de abaixo (78.000 euros) e ao campo de fútbol Santa Mariña (500.000 euros).

O Concello desenvolverá tamén un plan de eficiencia enerxética cambiando todas as luminarias da cidade, poñendo LEDs de baixo consumo e intensificando a luminosidade de Vigo por un valor de 2.551.000 euros.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario