O Concello distribúe nos colexios a obra de Mª Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas

O goberno de Vigo entregará 600 exemplares de sete títulos da autora nos colexios da cidade e as bibliotecas Neira Vilas e Juan Compañel. Nun “acto simbólico” con escolares do CEIP Canicouva, Abel Caballero agradeceu a Galaxia e ao seu director, Francisco Castro, por estar “sempre abrindo camiño á literatura galega e en galego”.
Publicado por o día 23/03/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello distribúe nos colexios a obra de Mª Victoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas

Na súa intervención, Abel Caballero fixo referencia a que o CEIP Canicouva será este ano recoñecido como Vigués Distinguido polo Concello, ao cumprirse 50 anos de súa apertura en Vigo.

Precisamente xunto a 25 nenos e nenas de Primaria do nomeado colexio, o alcalde informou este venres desta iniciativa, da man do director de Galaxia, Francisco Castro. Caballero explicou que o goberno que preside distribuirá 600 exemplares correspondentes a sete títulos de María Victoria Moreno -profesora e escritora homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas- entre o alumnado dos colexios e nas bibliotecas Neira Vilas e Juan Compañel, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo, nos dous conservatorios e na Escola Pública de Adultos.


Os títulos a entregar polo Concello son os seguintes: “Leonardo e os fontaneiros”, “A festa no faiado”, “¿E haberá tirón de orellas?”, “Onde o aire non era brisa”, “Guedellas de seda e liño”, “A voz insurrecta” e “Anagnórise”.

O director de Galaxia, pola súa banda, agradeceu ao Concello e ao alcalde, “que sempre entende á cultura galega” e “está sempre coa cultura galega” Castro Destacou que María Victoria Moreno non era galega de nacemento nin foi educada en Galicia, chega en idade adulta e decide “que o galego vai ser a súa lingua e que a causa galega vai ser a súa causa”, polo que é “galega de corazón”.