O Concello do Grove adxudica a construción do local social de Reboredo

A obra do local social foi adxudicada por 125.750 euros máis IVE na mesa de contratación que tivo lugar esta mañá.
Publicado por o día 05/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove adxudica a construción do local social de Reboredo

A mesa de contratación levada a cabo esta mañá adxudicou a obra de construción do local social de Reboredo. Lembramos que esta obra é posible grazas á doazón dos terreos realizada por unha familia da zona, quen facilitou o espazo para fins sociais. Eses terreos foron completados cunha cesión por parte da Deputación de Pontevedra, e a construción do edificio será posible grazas á disposición de fondos do préstamo municipal que inicialmente fora solicitado para a construción do Auditorio-Escola de Música e que na actualidade está sendo cuberto pola Deputación de Pontevedra.

A obra fora valorada inicialmente en 186.799,67 euros e consiste nunha edificación accesible de dúas alturas que ocupará a totalidade do terreo. O prazo de presentación de ofertas tivo que ser ampliado debido ao estado de alarma, xa rematado no mes de xuño. Logo de que o equipo técnico municipal estudase as 28 ofertas que foron presentadas, dúas foron eliminadas por baixa temeraria. Logo diso, a mesa de contratación púidose desenvolver hoxe e a empresa adxudicataria resultou ser Sodein Soluciones Integrales, cunha proposta de 125.750 euros máis IVE. Neste punto tan só é preciso que a antedita empresa presente a correspondente documentación para poder poñer en marcha a obra, que poderá comezarse no mes de setembro deste mesmo ano.

Comentar noticia

Your email address will not be published.