O Concello do Grove converte, un ano máis, a praia da Lanzada nun referente de limpeza e coidado medioambiental

A colaboración coas distintas organizacións de preservación medioambiental coloca A Lanzada na vangarda do coidado e da loita polo futuro dos nosos ecosistemas.
Publicado por o día 08/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove converte, un ano máis, a praia da Lanzada nun referente de limpeza e coidado medioambiental

O Grove, 8 de agosto de 2020. O Concello do Grove continúa traballando no coidado do noso ecosistema, tendo na praia da Lanzada un referente fundamental de como se deben coidar os areais e da xestión do espazo natural protexido prioritario. Unha semana antes do comezo do estado de alarma desenvolveuse, nun programa organizado por SEO/Birdlife, Abanca e coa colaboración do propio Concello, unha acción de retirada de lixo no areal. Ao igual que en anos anteriores, conmemorouse o Día Internacional do Voluntariado, no que SEO/Birdlife e a Fundación Telefónica levan máis de 15 anos organizando limpezas da praia da Lanzada.

Nestas actividades, ademais da propia limpeza de refugallo, desenvólvense proxectos de divulgación nos que se informa sobre a problemática das plantas exóticas invasoras nas dunas e sobre as medidas de conservación que se están levando a cabo neste areal. En todo momento hai un protagonista fundamental, a píllara das dunas, unha especie vulnerable en Galicia e que depende do espazo dunar da praia da Lanzada para se reproducir.

O lixo é, sen dúbida, o principal problema co que se ten que loitar neste momento, e iniciativas como o proxecto “Libera, unidos contra a basuraleza”, organizado por SEO/Birdlife e Ecoembes, buscando unha natureza sen lixo, contribúen a acabar co grave problema que supón o abandono de lixo e de residuos nos espazos naturais protexidos. Inda que o proxecto tivo que ser adiado por mor da pandemia, xa se conta cun prototipo de madeira para a colocación dos denominados “bigbags”, onde as persoas que recollen o lixo da praia durante o outono e o inverno poden depositar os residuos nas entradas das praias. Estes “bigbags” non se empregarían durante o verán, xa que se conta con servizo de recollida e limpeza, e a gran cantidade de persoas nos areais podería causar problemas na xestión separada dos residuos.

Todas estas actividades, e as distintas iniciativas desenvoltas polo Concello, colocan á praia da Lanzada como pioneira na xestión e concienciación medioambiental. No seu momento, medidas como a non recollida das algas ou a eliminación das papeleiras do areal foron discutidas e postas en cuestión, mais a día de hoxe son imitadas en todos os concellos de litoral de España, ao priorizarse o coidado do medio ambiente fronte á explotación excesiva do espazo. En todos os casos búscase unha convivencia equilibrada entre o desfrute da praia e o coidado do futuro do ecosistema, que resulta fundamental para a paisaxe e os recursos do Grove.

Traballo en todas as praias

Aínda que A Lanzada é, sen dúbida, o “buque insignia” do traballo no coidado dos areais debido á súa importancia como espazo protexido, as medidas de coidado dos areais aplícanse en todas as praias da localidade. Como se pode observar, a colaboración coas organizacións medioambientais resulta fundamental no desenvolvemento de actividades específicas e na divulgación e concienciación tanto das persoas usuarias da praia como da sociedade en xeral. Así, alén do importante labor que se realiza con SEO/Birdlife, dende 2017 tense traballado coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) organizando un día de limpeza simultánea de praias xunto co CEIP As Bizocas, que no mes de outubro de 2019 tivo lugar na praia de Area da Cruz.

Nesa mesma praia organizáronse en 2017 e 2018 varias actividades de dinamización de carácter medioambiental durante os meses de outubro e novembro. Estas accións tiveron lugar grazas á colaboración co GALP Ría de Arousa baixo a denominación “Actividades medioambientais en Arousa Sur: un futuro sostible na nosa ría”. Todas estas iniciativas teñen como eixe fundamental a limpeza e a recollida de residuos, pero buscan que todos e todas tomemos conciencia da non xeración deses refugallos que danan e poden poñer en grave risco o futuro da nosa vila e do noso modo de vida.

Comentar noticia

Your email address will not be published.