O Concello do Grove, en colaboración coa asociación Anduriña arrinca a segunda edición do obradoiro de estimulación cognitiva

O obradoiro comezou esta semana no local social desta asociación.
Por o 21/09/2018 | Sección: Galicia,O Grove
O Concello do Grove, en colaboración coa asociación Anduriña arrinca a segunda edición do obradoiro de estimulación cognitiva
Compartir en:

Por segundo ano consecutivo e grazas á boa acollida que tivo a edición anterior, xa está en marcha no Grove outra edición do obradoiro de estimulación cognitiva “Espreguiza a túa mente!”, unha actividade que ten como fin primordial fomentar a creación dun espazo de estimulación, aprendizaxe e integración para mellorar a memoria e manter a mente áxil, tanto de persoas maiores como discapacitadas sen trastornos cognitivos ou cunha deterioración cognitiva leve.

Esta actividade estase a desenvolver no local da asociación Anduriña de Persoas con Discapacidade do Salnés, no Grove, os luns e os mércores en dúas sesións matinais de hora e media de duración cada unha. Cómpre indicar que este obradoiro é gratuíto para as persoas participantes e que se está a impartir por persoal de Anduriña en colaboración co Centro de Información ás Mulleres (CIM) e co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do concello meco. Nas clases, eminentemente prácticas e participativas, desenvolveranse técnicas e exercicios de memoria, exercicios de estimulación e mantemento cognitivo, técnicas de expresión oral (xogos de voz, xogos de audición) e tamén actividades relacionadas co saber cultural, as tradicións e a lingua galega.

Comentar noticia

Your email address will not be published.