O Concello do Grove inaugura mañá a mostra “Contín-xente emigrante” na Rúa Castelao

O Consello tamén abordou as propostas para as Centolas de Ouro deste ano.
Publicado por o día 19/09/2018 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove inaugura mañá a mostra  “Contín-xente emigrante” na Rúa Castelao

Mañá , xoves, ás 20 horas da tarde, na Rúa Castelao do Grove, dentro da programación do Mes da Emigración Meca inaugúrase unha mostra que reúne as imaxes de duascentas mulleres e homes do Grove que emigraron ao Brasil, entre 1945 e 1960. Imaxes que recollen a súa ficha oficial de inmigración na que figuran datos como o nome completo, a data e lugar de nacemento, o estado civil, os nomes dos pais, fillos e cónxuxes, a cidade, rúa e oficio a desenvolver no país de acollemento, as súas características físicas como a cor do cabelo, a forma da cara e outros datos de interese, ademais dunha magnífica fotografía de cada unha destas persoas, entre outros.

Desta exposición é de subliñar o seu interese documental pola cantidade de datos que achega, pero tamén ten interese como fío polo que facérmonos, dende o presente, con novos datos desas persoas, algunhas delas aínda vivas e con residencia no Grove, ou no Brasil; outras falecidas, moitas delas ás que se lle perdeu o rastro. E diso se trata tamén, de activar, mediante a súa difusión pública, recursos para termos máis información do destino desas persoas para sabermos que foi de cada unha delas.

O título da exposición fai un xogo de palabras que abrangue tres acepcións: CONTÍN XENTE, como a acción de contar persoas, expresado na fala do Grove; CONTINXENTE: Como a cuota coa que cada parte contribúe ao total, neste caso ambas expresións definen o que pretende esta exposición, revisar a cuota coa que O Grove contribuíu ao éxodo; e facer o reconto de emigradas e emigrados grovenses no Brasil. Pero aínda podería entenderse como unha acepción máis CONTÍN XENTE EMIGRANTE, sería tamén a que que nos CONTA qué foi da nosa xente, por qué marcharon, se volveron, se ficaron, como lles foi, se se perderon para sempre no continente americano…

Contín-Xente Emigrante é o resultado dun traballo de investigación nos arquivos da República dos Estados Unidos do Brasil no período histórico posterior á guerra de 1936-1939, na que inicialmente se procuraban exiliados políticos grovenses, e que finalmente se extendeu á totalidade das mecas e mecos migrantes. Esta investigación, realizada por Antón Mascato, dáse a coñecer neste mes da emigración meca por primeira vez.

No acto de inauguración participarán o Alcalde do Grove, José A. Cacabelos, a Concelleira de cultura do Concello do Grove, Emma Torres, e o responsable da mesma, o editor Antón Mascato; ademáis de algunha das persoas que están inclúídas na mesma. A concelleira de cultura expresou “o convite especial do Concello do Grove a todas as persoas e os seus familiares que tiveran algunha relación coa emigración en xeral, e particularmente coa brasileira”.