O Concello do Grove mantén a alerta pola contaminación vertida dende os domicilios que colapsa a rede de sumidoiros

Debido á falta de choivas do pasado mes e ao alto nivel de ocupación da localidade, adiantouse a limpeza da rede de sumidoiros e atopáronse desagradables sorpresas.
Publicado por o día 21/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove mantén a alerta pola contaminación vertida dende os domicilios que colapsa a rede de sumidoiros

O Grove, 21 de agosto de 2020. O Concello do Grove iniciou, hai xa nove anos, un traballo de concienciación da poboación con respecto ao coidado do medio ambiente e á limpeza da localidade e da contorna. Deste xeito, tense incidido moito na importancia da xestión de residuos (onde O Grove acada, ano tras ano, cifras moi positivas), pero tamén no importante que é controlar o lixo ou os restos que se botan polos desaugadoiros ou polos sumidoiros.

Nas pasadas semanas puidemos ver como as toalliñas húmidas desbotables xeran problemas verdadeiramente graves nos filtros da rede de sumidoiros, polo que é fundamental a concienciación para entender que estes produtos non poden eliminarse polo inodoro. Neste caso os deterxentes e outras substancias químicas teñen ocasionado novos incidentes.

Varias veces ao ano, os servizos municipais realizan limpeza da rede de sumidoiros para evitar atoamentos ou o depósito de residuos prexudiciais. Nestas alturas do ano, o habitual é que a limpeza se realice a comezos de setembro, logo do verán e para prepararse para as choivas do inverno. Porén, o clima excesivamente seco destes meses e o alto nivel de ocupación da localidade fixo adiantar esta limpeza ante a preocupación de que se producisen problemas no caso de choivas intensas.

Así, ao levantar as arquetas da zona de Beiramar localizáronse depósitos de deterxentes e produtos químicos que se solidificaron e que crearon verdadeiras “pedras” de residuos que estaban obstaculizando o correcto funcionamento dos desaugadoiros. Xunto con eses residuos químicos, tamén foron localizados elementos diversos entre os que, unha vez máis, as toalliñas húmidas seguen presentándose como un verdadeiro cancro para a salubridade, limpeza e bo funcionamento do sistema de residuos.

Ante todo isto, o Concello do Grove volve facer un chamamento á poboación para que sexa consciente dos elementos que bota polos sumidoiros, para que empregue produtos menos prexudiciais ou deixe de usar os que supoñan un verdadeiro risco para a limpeza e para o noso medio ambiente. A colaboración de todos e de todas resulta fundamental para evitarmos este tipo de problemas que non só lle afectan a esa zona senón a toda a localidade e á contorna.

Comentar noticia

Your email address will not be published.