O Concello do Grove organiza unha semana de actividades culturais para o público infantil

O programa cultural de verán dará paso a unha semana de actividades culturais dirixidas ao público infantil.
Publicado por o día 26/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove organiza unha semana de actividades culturais para o público infantil

O obxectivo deste novo programa é que a rapazada e as súas familias poidan gozar con diferentes disciplinas culturais, entre as que se atopan o teatro, a maxia, o clown, os monicreques tradicionais, os contos e a ilustración. A primeira actividade desenvolverase na praza do Corgo con todas as medidas de seguridade; o resto, na Biblioteca Municipal do Grove, coa capacidade limitada, polo que se requirirá inscrición previa a través dos medios habituais (teléfono, correo electrónico ou redes sociais).

O domingo 30 de agosto ofrecerase na praza do Corgo, a partir das 21.00 h, a obra O secuestro da bibliotecaria, a cargo de Sarabela Teatro. Trátase dun espectáculo dirixido a grandes, pequenos e público familiar inspirado no libro homónimo de Margaret Mahy. O programa continuará o luns 31 de agosto co contacontos ilustrado e musicado Protexendo o camiño, da man de Polo Correo do Vento. O martes 1 de setembro o Mago Paco ofrecerá Patapatún, Tun, Tun, un espectáculo de maxia para bebés, e o mércores 2 de setembro Marionetas Seisdedos traerá un espectáculo de monicreques tradicionais titulado Cocer e cantar. O xoves 3 de setembro será a quenda para a maxia infantil e familiar tamén da man do Mago Paco e o seu espectáculo Hocus, Pocus. Finalmente, o venres 4 de setembro poderemos gozar do espectáculo de clown Preséntame un pallaso, a cargo de Barafunda.

Verán Cultural

Ademais deste nova proposta, lembramos que esta semana o Verán Cultural chega á súa fin co último dos Xoves Musicais deste ano, interpretado polos integrantes da asociación cultural Amigos do Acordeón das Rías Baixas, na praza do Corgo ás 21.30 horas, e xa o venres 28 de agosto coa proxección do filme Parásitos na rúa Castelao. O Concello fai unha valoración moi positiva do bo desenvolvemento destas actividades, sempre gardando as necesarias medidas de seguridade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.