O Concello do Grove recupera o Antigo Camiño da Granxa

Trátase dun dos antigos camiños de acceso á vila que se recupera para o tránsito peonil grazas a unha axuda da Agader.
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove recupera o Antigo Camiño da Granxa

O Grove, 31 de xullo de 2020. O alcalde do Grove e os concelleiros do Goberno local acudiron esta mañá a revisar o recuperado Camiño da Granxa. Trátase dunha actuación financiada a través da subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) cun investimento de 37.000 euros e que permitiu recuperar este antigo camiño dentro dun Plan no que, entre 2020 e 2021, están previstas novas actuacións que seguirán recuperando espazos que foron abandonados ao deixarse os traballos nas terras e ao substituírse polas actuais estradas principais.

A falta de uso destes camiños fixo que se perdesen entre a maleza e a deterioración do tempo, perdendo tamén parte da historia local en espazos como o Camiño Real de Ardia, que une esta zona con Feáns, ou outros en Reboredo e Estonllo que constituían, moitas décadas atrás, eixes fundamentais para acceder aos núcleos de poboación e para permitir a chegada a zonas de traballo. Está previsto que durante o resto do ano 2020 se empreguen 16.000 euros nestas actuacións, e outros 16.000 no ano 2021. O Plan de Recuperación de Camiños foi realizado coa colaboración entre a Concellería de Obras e Medio Ambiente e a de Medio Rural, o que deu lugar a un proxecto que permitirá contar, ademais, cun novo atractivo turístico ao abrir novos roteiros de sendeirismo de grande atractivo e historia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.