O Concello do Grove remite á Xunta de Galicia un proxecto para a mellora da Rúa Luís A. Mestre

A proposta do Concello pretende que a Rúa Luís A. Mestre continúe coas melloras xa acometidas na Rúa Castelao e en Alexandre Bóveda.
Publicado por o día 03/11/2018 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove remite á Xunta de Galicia un proxecto para a mellora da Rúa Luís A. Mestre

O Concello do Grove remitiulle esta semana á Xunta de Galicia un proxecto técnico de mellora da Rúa Luís Antonio Mestre no tramo que vai dende o cruce coa rúa Alexandre Bóveda ata o cruce con Avenida de Portugal. Deste xeito, e seguindo a dinámica establecida na mellora urbana do Grove, a prioridade é conseguir a accesibilidade completa desta rúa ao tempo que se busca unha pacificación do tráfico (reducindo a velocidade) e unha clara avantaxe dos peóns sobre os vehículos.

A mellora de abastecemento e saneamento desta rúa é tamén unha necesidade clara ao tempo que se consigue á mellora na seguridade de acceso ao Colexio Infantil que se atopa nesta rúa e se integra a Praza da Fonte do Galo no propio tecido da mesma. O custo estimado desta reforma ascende a 917.791,82 euros.

O Concello do Grove ten remitido toda a documentación técnica á Xunta de Galicia, tal e como se tiña comprometido con esta entidade, para comezar unha negociación de cara a busca dun convenio entre ambas institucións que permita acometer esta reforma. Lembramos que esta Rúa é de titularidade autonómica e inda que o mantemento é asumido polo Concello, ao igual que as reformas relativas a subministros, resulta fundamental que dende a Xunta se apoie a necesaria mellora no resto de cuestións que afectan á mesma.