O Concello do Grove solicita permiso para unha retirada de algas na praia da Lanzada

Trátase dunha medida excepcional debido á elevada acumulación de algas no areal.
Publicado por o día 26/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O Concello do Grove solicita permiso para unha  retirada de algas na praia da Lanzada

O Concello do Grove foi un dos pioneiros de Galicia en implantar un plan de limpeza de praias respectuoso co medio ambiente. Deste xeito, tense traballado intensamente para concienciar os usuarios das praias (tanto veciños e veciñas da localidade como visitantes) de que as algas non son un lixo e de que debe manterse o ciclo natural polo cal estes elementos son depositados na praia con determinadas mareas, e se retiran do mesmo xeito cando volven variar as alturas do mar.

O sistema leva anos demostrando que se trata da vía correcta de xestionar estes ciclos e, de feito, as augas dos areais do Grove continúan sendo cualificadas de “excelentes” nos distintos controis de seguimento da súa calidade; feito ao que contribúe a boa xestión destes areais. A pesar disto, a pasada semana produciuse unha circunstancia excepcional cun virulento temporal que azoutou a costa durante varios días. Tratouse dun fenómeno meteorolóxico que non é habitual nestas datas e que propiciou o depósito elevado, moi por riba do que sería o normal, de algas nas praias, especialmente na Lanzada.

Ante este fenómeno adverso, o Concello do Grove solicitou —de xeito excepcional— unha recollida mecánica de, polo menos, parte destas algas. Agora será preciso que a petición sexa autorizada para proceder a esta limpeza. Dende o Concello incídese, de todos os xeitos, en que se trata de algo excepcional e que debemos concienciarnos de que as algas forman parte da contorna natural das nosas praias e son unha riqueza da súa biodiversidade, polo que en ningún caso deben ser tratadas como lixo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.