O Concello do Porriño, Consorcio de Empresarios de A Granxa e Zona Franca acordan retomar o proxecto dunha gardería no polígono industrial

Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Galicia,O Porriño

O Concello do Porriño, Consorcio de Empresarios de A Granxa e Zona Franca acordan retomar o proxecto dunha gardería no polígono industrial

A alcaldesa Eva García e directivos da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial de A Granxa retomaron o proxecto de construir unha gardería infantil. Nun recente encontro que mantiveron (ó que corresponde a foto adxunta) acordouse elixir a parcela 256-C para o que o pasado 4 de setembro “Zona Franca” solicitou do Concello de Porriño que confirmase que cabía darlle ese uso.

A proposta xa conta cos informes favorables da arquitecta e do secretario do Concello do Porriño polo que administración municipal e empresarios do polígono poden reemprender as xestións para acadar fondos económicos para a construcción da gardería.

O proxecto experimentou un pulo transcendental a partires da implicación do Consorcio da Zona Franca que cede a parcela e solicitou o cambio de uso que veñen de informar favorablemente os servizos técnicos municipais.

Agora corresponde ós empresarios do Polígono solicitar novamente a subvención da Xunta de Galicia pois renunciaran á que tiñan concedida de 200.000 euros por que non eran quén de acometer e rematar o proxecto anterior na data esixida pola administración autonómica que é o vindeiro 31 de outubro. Asimesmo corresponderá a Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial, a execución da obra e o seguimento da actividade.