O Concello eleva un 7,5% a súa achega ao MARCO, que programa unha decena de mostras no 2021

O alcalde e o director do centro avanzaron este martes a programación para este ano, con exposicións de Din Matamoro, Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador e Juan Cidrás, Rosendo Cid, Glenda León, Manuel Quintana Martelo, Alfredo Alcaín e o Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”. Precisamente a institución presidida por Abel Caballero incrementa o seu apoio ata os 650.000 euros.
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello eleva un 7,5% a súa achega ao MARCO, que programa unha decena de mostras no 2021

Xunto ao director, Miguel Fernández-Cid, e ao concelleiro de Cultura, Abel Losada, o alcalde presentou este martes un avance da programación que acollerá este ano o MARCO vigués, aprobada na reunión do Padroado da Fundación celebrada o pasado xoves de forma telemática. O céntrico museo -que reabre este 2021 as salas de exposicións da planta baixa, recuperando para o público algúns dos espazos singulares do edificio- acollerá nove proxectos expositivos e recibirá do Concello un 7,5% máis de transferencia directa, pasando dos 605.000 euros do 2020 aos 650.000 euros este ano.

Na súa intervención, o alcalde subliñou que o MARCO “foi quen de arraigar de forma notable na cidade, en Galicia e en España”, un museo “apreciado e valorado” que conta un director de “enorme prestixio”. Abel Caballero trasladou que “o noso apoio ao MARCO é incuestionable e vai continuar sempre” e, pese aos tempos de “crise e dificultade”, o Concello decidiu incrementar a súa achega. Pola súa banda, Miguel Fernández-Cid recoñeceu a “resposta positiva inmediata” do Concello cando houbo que arranxar os patios do edificio e agradeceulle o incremento dos fondos transferidos nun momento no que, argumentou o director, manter a contía xa sería considerado como un respaldo, dúas medidas “que inciden no apoio á cultura” e en especial ao MARCO.

Abel Caballero fixo balance dun 2020 no que o recinto conseguiu manter a súa actividade cultural e expositiva en condicións sanitarias seguras, ademais de facer melloras no propio edificio e ampliar a colaboración con outras institucións e museos. No tocante ao avance da programación do 2021, a reapertura das salas expositivas da planta baixa terá “4 Proxectos” como protagonistas, unha mostra con exposicións de Mónica Alonso, Mar Vicente, Rosendo Cid e Salvador e Juan Cidrás, do 26 de marzo ao 29 de agosto. A mediados de abril se inaugurarán as exposicións de Din Matamoro (“Etérea”) e de Glenda León (“Música das formas”), que se prolongarán ata o verán. Para o último trimestre do ano, o MARCO conta coa exposición “Containers” de Manuel Quintana Martelo, a obra do pintor madrileño Alfredo Alcaín e a colectiva do Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”, cunha dobre exposición coas obras gañadoras en edicións anteriores e, en segundo lugar, cos traballos seleccionados como finalistas na última edición.