O Concello esíxelle á Xunta o financiamento da limpeza extraordinaria dos colexios, estimada en máis de 900.000 euros

A Xunta de Goberno local vén de aprobar un acordo para demandar da Xunta tanto o financiamento da limpeza e mantemento dos centros educativos, como a apertura dun proceso de diálogo para resolver a prestación dos servizos do Plan Madruga, comedores escolares e actividades extraescolares
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello esíxelle á Xunta o financiamento da limpeza extraordinaria dos colexios, estimada en máis de 900.000 euros

A Xunta de Goberno local aprobou na súa sesión desta mañá un acordo para esixirlle á Xunta de Galicia que asuma o financiamento da limpeza extraordinaria dos colexios de Pontevedra, derivada da Covid-19, posto que as competencias en materia de Sanidade e Educación son autonómicas. Nunha comparecencia conxunta entre a portavoz do Goberno, Carme da Silva, e o concelleiro de Educación, Tino Fernández, explicaron que tras unha primeira estimación, para o Concello asumir esta limpeza suporía un sobrecuste mínimo de 928.261 euros.

Ambos concelleiros indicaron que o protocolo está asinado polas Consellerías de Educación e Sanidade, ambas competencias autonómicas, e que foi realizado de xeito unilateral e sen consultar nin consensuar con outras Administracións, nin coa comunidade educativa nin coas Fanpas. Neste sentido, apuntaron que este sobrecuste debería incluírse no fondo do Estado para a Xunta destinado a cubrir o incremento de gastos no curso 2020-21.

No mesmo acordo, tamén se inclúe unha referencia aos servizos de comedor escolar, actividades extraescolares e Plan Madruga que a Fanpa de Pontevedra xa anunciou que non asumirá no curso 2020-21 de manterse as condicións do protocolo da Xunta. Neste sentido, explicaron que isto suporá un problema importante na conciliación para moitas familias, posto que en Pontevedra cuantificaron ao redor 1.100 nenos e nenas usuarias do comedor escolar e 400 no Plan Madruga.

Puntos do acordo da Xunta de Goberno:

1.- Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan de limpeza extraordinaria e mantemento dos colexios de Pontevedra, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste por parte da Xunta

2.- Apoiar as reivindicacións da FANPA de Pontevedra e a necesidade de que por parte da Xunta de Galiza se abra un diálogo con urxencia para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021. Anéxase escrito FANPA-Pontevedra.

3,- Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP, co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.

4.- Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP e á FANPA-Pontevedra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.