O Concello inaugura o “macroparque” infantil da Praza da Independencia

O rexedor destaca o investimento do seu goberno en parques para os nenos e nenas vigueses que ascende a 4,6 millóns, coas obras de reforma e ampliación que están en marcha en outros oito espazos infantís.
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello inaugura o “macroparque” infantil da Praza da Independencia

“Queremos que Vigo sexa unha cidade para os máis pequenos”. Con esta idea Abel Caballero explicou este mércores que o seu goberno dedica 4,6 millóns de euros á reforma e ampliación de oito parques infantís para atender as necesidades de xogo das nenas e nenos vigueses.

O rexedor inaugurou o novo “macroparque” infantil da Praza da Independencia, “unha zona con moita demanda”, que conta co dobre de espazo de xogo tras o investimento de 200.000 euros. Conta con caucho continuo en todo o espazo, renováronse os xogos existentes e instaláronse xogos inclusivos. Amais, o Concello trasladou a zona biosaludable, instalou novos bancos e reparou xardineiras, pavimento, papeleiras…

Abel Caballero deu conta tamén da marcha das obras de reforma e ampliación noutros 8 parques infantís da cidade que suman un investimento de 4,6 millóns de euros. Así, están xa aprobados os proxectos e en proceso de licitación os parques da rúa Coruña, cun orzamento dun millón de euros), Jenaro de la Fuente, Bouzas e Maruja Mallo. No caso do macro parque infantil de Venezuela está en proceso de certificación das obras mentres que, adiantou, o de Pedro Alvarado será inaugurado nuns días, o de Barreiro antes de que acabe o ano e o de Navia está feita a parte deportiva e a infantil pero queda pendente a parte xuvenil.