O Concello informa aos comercios da cidade da recollida selectiva de cartón e papel porta a porta

O concelleiro de xestión dos residuos urbanos, Raimundo González asegura que esta campaña pretende incrementar a reciclaxe, seguindo a liña ascendente dos últimos anos.
Publicado por o día 18/11/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O Concello informa aos comercios da cidade da recollida selectiva de cartón e papel porta a porta

A Concellaría de Xestión dos Residuos Urbanos que xestiona Raimundo González Carballo inicia mañá, a partir das 20.00 horas, unha campaña informativa entre os establecementos comerciais da cidade lembrándolles o programa de recollida selectiva de cartón/papel “porta a porta”. Este servizo pretende “incrementar a reciclaxe de papel/cartón, tal e como vén sendo nos últimos anos, nos que se aprecia un aumento entre do 15 e o 20%”, segundo manifestou o concelleiro Raimundo González.

A empresa concesionaria da recollida de lixo, Ferrovial Servizos, entregará un folleto a cada establecemento da cidade informando desta recollida. Trátase dun servizo de balde, que asume o custe o Concello dende o ano 2008, e destinado en exclusiva a todos os locais con actividade económica, especialmente, hostalería e comercio. A concesionaria é a encargada de recoller os restos de papel e cartón diante da porta de cada establecemento, de luns a venres, en horario de 20.00 a 22.00 horas, a última hora da tarde e coincidindo co peche dos establecementos.

O concelleiro Raimundo González lembrou que esta campaña informativa se realizou recentemente no centro histórico e agora se estende ao resto da cidade, “a practicamente todas aquelas rúas onde hai actividade comercial”. Ademais desta ruta, se algún establecemento se atopa fóra do circuíto sinalado no folleto informativo, ten a posibilidade de contactar coa empresa concesionaria para incluída dentro do servizo.

Raimundo González confía en que Pontevedra se sitúe entre as cidades e capitais á cabeza da reciclaxe, tal e como demostra a tendencia dos últimos datos. Para acadar estes obxectivos é fundamental a colaboración do comercio local, e seguir a senda marcada pola estratexia do programa Efecto PO2 que centrará a acción municipal no presente mandato.

Comentar noticia

Your email address will not be published.