O Concello iniciará a obra da grada de Marcador tralo verán cun investimento de 13,8 millóns de euros

O alcalde e a presidenta da Deputación presentaron hoxe o proxecto de reforma da bancada de Marcador que, “se non hai impedimentos”, será licitada a principios de verán co obxectivo de iniciar os traballos no último trimestre do ano.
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello iniciará a obra da grada de Marcador tralo verán cun investimento de 13,8 millóns de euros

Cun prazo estimado de execución de entre 12 e 18 meses e 13,8 millóns de euros de orzamento, Caballero apunta que coa renovación do Estadio Municipal de Balaídos resultará un “campo para a cidade, para as afeccionadas e afeccionados, para poder ver o fútbol de cerca, para animar”, dado que o “Celta é un grande emblema de Vigo e o estadio é parte da memoria histórica da cidade e da forma de entender a cidade”.

O rexedor avanzou que o proxecto de reforma da Grada de Marcador, presentado hoxe, cobre varias “lagoas”: haberá un grande aparcamento de 1.000 prazas situado debaixo da pistas de atletismo, as catro gradas quedarán pegadas ao terreo de xogo, o estadio será simétrico e terá un anel circular que permitirá a “accesibilidade total cun número elevado de ascensores” que, desde a bancada de Marcador, posibilitan o desprazamento aos espazos máis altos do estadio. Será un “campo e un estadio accesible e impermeable á choiva” porque a cuberta abranguerá ata a portería, desaparecendo dos asentos, apuntou.

Abel Caballero e Carmela Silva presentaron o proxecto das obras de reforma da grada de Marcador, acompañados polo arquitecto Pedro de La Puente, gañador do concurso, a quen o alcalde felicitou por “esta xoia arquitectónica” e confirmaron que o orzamento será financiado ao 50% entre o Concello e a Deputación de Pontevedra que está “na esencia do que precisa o Concello de Vigo”. A presidenta do ente provincial sinalou que a Deputación “non podía estar á marxe dunha obra que vai marcar un antes e un despois na cidade: a construción do gran Balaídos” e destacou a “calidade técnica e a beleza do estadio que transforma esta contorna urbana”.

Amais, o rexedor anunciou que abordará con Zona Franca, cuxo Delegado, David Regades, estivo tamén no acto, a súa participación no resto do desenvolvemento: a grada de Gol e o aparcamento subterráneo.

En canto aos prazos da obra, apuntou o alcalde que “sen impedimentos, estaremos en condicións de licitar a obra a principios de verán para comezar no último trimestre do ano”. Para iso é preciso que Augas de Galicia emita un informe vinculante, polo que “a Xunta de Galicia aínda pode trabas. O proxecto reúne todos os requisitos pero poden facer informe negativo”