O Concello iniciará no Casco Vello, Bouzas e o Ensanche a recuperación de soares e edificios abandonados

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, anunciou que o goberno de Vigo incorporará inicialmente 42 parcelas ao Rexistro de Soares municipal, cuxa aprobación definitiva foi ratificada este mércores no Pleno. Este instrumento permite ao Concello sacar a poxa pública soares ou edificios en mal estado.
Por o 30/05/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello iniciará no Casco Vello, Bouzas e o Ensanche a recuperación de soares e edificios abandonados

O Pleno da Corporación aprobou este mércores de forma definitiva o regulamento do Rexistro de Soares do Concello, co apoio de todos os grupos políticos municipais e despois de ser desestimada a única alegación presentada.

A edil de Urbanismo, María Xosé Caride, interveu para explicar que esta ferramenta permitirá ao Concello poñer no mercado aqueles soares e edificios en ruína ou abandonados; a mesma normativa, engadiu a concelleira, prevé un prazo concreto para rehabilitar ou construír nas parcelas.

Así, e quince días despois da publicación da aprobación definitiva no BOP, o goberno de Vigo poderá incorporar estas propiedades ao Rexistro e sacalas a poxa pública no prazo dun ano. De quedar deserta, podería volver a celebrarse nos seis meses seguintes cunha rebaixa no prezo do 25% e, de non ser novamente adxudicada, pasaría a formar parte do Patrimonio Municipal do Solo.

Caride revelou que o goberno vigués, unha vez entre en vigor o regulamento aprobado esta mañá, inaugurará o rexistro municipal incorporando inicialmente 42 soares. O Concello comezará co Casco Vello, Bouzas e o Ensanche, explicou, ademais de nas propiedades en ruína ou abandono que poidan afectar a terceiros.