O Concello insiste na demanda da parcela do Cunqueiro, co compromiso de devolvela cando sexa precisa

A Xunta de Galicia negou por carta a petición de venda ou cesión da parcela ao carón do Hospital Álvaro Cunqueiro na que o goberno municipal quere construír un aparcamento gratuíto. O alcalde anunciou hoxe que seguirá “coa tramitación oficial de petición” da mesma.
Por o 21/02/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello insiste na demanda da parcela do Cunqueiro, co compromiso de devolvela cando sexa precisa

A Xunta de Galicia negou por carta a petición de venda ou cesión da parcela ao carón do Hospital Álvaro Cunqueiro na que o goberno municipal quere construír un aparcamento gratuíto. O alcalde anunciou hoxe que seguirá “coa tramitación oficial de petición” da mesma. 

Abel Caballero explicou este venres que a Xunta de Galicia remitiu por escrito ao Concello o rexeitamento á petición de venda ou cesión da parcela na que quere facer un aparcamento de balde ao carón do Hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo expuxo, a Xunta argumenta que eses terreos teñen previsto no Plan Sectorial usos dotacionais como a prestación de asistencia médica e servizos sanitarios e hospitalarios engadindo que “se esquecen de dicir que tamén ten aparcamento”.

O rexedor sinalou que, nestes momentos, a Xunta de Galicia, non ten “ningunha previsión de ampliar; isto significa que non se vai facer obra de ampliación nos próximos 15 anos”. Por ese motivo, insiste na demanda do terreo, en cesión ou venda, co compromiso de poñelo a de novo a disposición da Xunta nun prazo de seis meses se o precisan. Para iso, dixo, seguirá coa tramitación oficial da petición.

Caballero apuntou tamén que a Xunta manifesta no escrito que “xa teñen feitas tódalas prazas no Hospital” pero, engade, “gratuítas cero. Hai cero prazas de aparcamento gratuítas e, se esas son todas as que queren facer, debe ser unha modalidade singular, ou é que queren recadar diñeiro dos cidadáns de Vigo co pago do aparcadoiro?”, engadindo que “todos sabemos que non queren prazas gratuítas nas inmediacións do hospital porque queren cobrar o aparcamento para manter a fonte de ingresos e pagar á empresa propietaria do hospital”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.