O Concello insta á Xunta a acelerar a tramitación do novo acceso no Párroco don Camilo

Abel Caballero reclamou á Xunta a autorización que lle permita construír un novo acceso no colexio Párroco Don Camilo, nos termos pactados coa comunidade educativa. O Concello enviou ao goberno autonómico un anteproxecto no mes de febreiro solicitando a aplicación da Lei Vigo para poder acometer estes traballos pero aínda non recibiron resposta algunha.
Por o 02/07/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O Concello insta á Xunta a acelerar a tramitación do novo acceso no Párroco don Camilo

Logo de manter un encontro coa directiva e representantes da Anpa do CEIP Párroco don Camilo, Abel Caballero detallou o proxecto de cambio de acceso do centro educativo, establecido na actualidade “a través dunha vía estreita con moito tránsito, un antigo camiño veciñal, moi deficiente”. Avanzou as intencións do goberno local de facer un novo acceso desde a estrada Camposancos, con dous carrís e aparcamento preparado para albergar ata 5 autobuses de forma simultánea. Deste xeito, os usuarios evitarían o uso de camiños interiores, ademais de gañar en seguridade. A comunidade educativa está moi satisfeita, dixo, porque se trata dunha solución pola que levan 20 anos esperando e que tamén permitirá ampliar o espazo dentro do centro xa que se actuará sobre unha parcela pantanosa que no inverno no se pode usar e que se acondicionará a través da canalización das augas.

Caballero explicou que o Concello enviou o anteproxecto á Xunta o pasado mes de febreiro solicitando a tramitación e autorización para actuar a través da Lei Vigo pero “non houbo resposta algunha”. Puxo en valor que a obra vai ser financiada integramente polo Concello e que a Xunta non só non asume as súas competencias, senón que “boicotea activamente un proxecto co que está encantada a comunidade educativa”.