O Concello insta á Xunta a dotar de presuposto o Centro de Saúde de Bouzas

A moción socialista, aprobada co apoio de Marea de Vigo, pide o cesamento do conselleiro de Sanidade por mentir á cidadanía viguesa sobre este proxecto. O Pleno Municipal demanda tamén o apoio da Xunta para a situación da Biblioteca do Estado nos terreos previstos inicialmente para a ampliación dos xulgados.
Publicado por o día 31/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello insta á Xunta a dotar de presuposto o Centro de Saúde de Bouzas

O voceiro socialista, Carlos López Font, expuxo que a Xunta de Galicia presentou o proxecto de forma incompleta, sen o aval de Patrimonio, e que os Orzamentos autonómicos de 2019 non contemplan unha partida para este Centro de Saúde.

O concelleiro de Marea, Xosé Lois Jácome, apuntou que “xa está ben de promesas incumpridas” e amosou a súa desconfianza no Conselleiro de Sanidade. Pola contra, o concelleiro popular, Miguel Fidalgo, asegurou que “vai haber” Centro de Saúde, ensinando o proxecto da obra e mencionando a partida dos Presupostos da Xunta de Galicia. López Font replicoulle que “os vigueses non se poden fiar dunha partida xenérica porque a Vigo nunca lle tocou ningunha”.

Así, co apoio de Marea de Vigo, o Pleno Municipal insta á Xunta de Galicia a habilitar a partida correspondente, por importe de 10 millóns de euros, para a construción do Centro de Saúde de Bouzas así como o cesamento do Conselleiro de Sanidade por mentir á cidadanía viguesa sobre este proxecto.

Apoio á construción da Biblioteca do Estado 

O Pleno deu luz verde nesta sesión á moción socialista que insta á Xunta de Galicia a deixar o boicot a Vigo apoiando o proxecto de situación e construción da Biblioteca Pública do Estado nos terreos municipais previstos para a ampliación dos xulgados, tal e como acordaron o Alcalde e o Ministro, trasladando esta proposta ao Ministerio de Cultura. Ademais, a Xunta cederá ao Concello para espazo dotacional público as actuais instalacións dos xulgados cando estes se trasladen á nova Cidade da Xustiza.

A concelleira socialista, María Xosé Caride, defendeu como unha “oportunidade” a disposición destes terreos e cualificou de “parche” que o presidente da Xunta queira que a Biblioteca ocupe o actual edificio dos xulgados, xa que iso non chegará ata dentro de cinco anos. “Isto non pode esperar. Precisamos que a Biblioteca inicie a súa andaina o ano que vén”. O concelleiro de Marea, Xosé Lois Jácome, avogou polo diálogo entre as diferentes administracións para chegar a un acordo, mentres a concelleira do Partido Popular, Teresa Egerique, negou que a Xunta de Galicia estea boicoteando o proxecto