O Concello instala 200 aparcabicis ao longo do novo carril bici e pon en marcha o ascensor de Torrecedeira

Abel Caballero informou este martes de que o Concello de Vigo xa instalou 156 aparcabicicletas ao longo de toda a ruta do novo carril bici e colocará outros 44 nos vindeiros días. Ademais, explicou que o novo ascensor urbano do Parque Camilo José Cela, que une Torrecedeira con Pi e Margall, xa está en funcionamento.
Publicado por o día 30/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello instala 200 aparcabicis ao longo do novo carril bici e pon en marcha o ascensor de Torrecedeira

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes en rolda de prensa que o Concello xa colocou 156 aparcabicicletas ao longo de toda a ruta do novo carril bici, que unirá Samil e Teis, e está instalando nestes días outros 44 aparcabicis máis. O rexedor apuntou que a nova infraestrutura para a mobilidade ciclista quedará rematada este mes de xullo e unicamente faltará por abordar o tramo entre Castelao e a Avenida de Samil.

“É inminente a aprobación do proxecto para a Avenida de Europa e neste caso será un parque lineal, con carril para as bicis pero tamén con beirarrúas e zona verde de paseo”, apuntou. Caballero engadiu que no caso da Vía Verde tan só restan as aprobacións sectoriais de Fomento e conta con outros 2 millóns de euros.

Por outra banda, o alcalde sinalou que este martes, desde as 9 da mañá, entrou en funcionamento o ascensor do Parque Camilo José Cela, que xa salva o desnivel entre as rúas Torrecedeira e Pi e Margall, dando continuidade ao que une Menéndez Pelayo e a Avenida das Camelias.

“Vigo deu un salto de xigante no procedo de construción de Vigo Vertical, temos moi avanzadas as ramplas de Gran Vía e están en funcionamento os elevadores de Pizarro e o da rúa II República, somos unha das cidades europeas con máis sistemas mecánicos para salvar desniveis”, sinalou.