O Concello instala a estrutura de 25 metros do novo ascensor do parque Camilo José Cela

Este venres queda instalada a estrutura de aceiro de 25 metros que acollerá no seu interior o ascensor panorámico que unirá Torrecedeira con Pi y Margall, xunto ao parque Camilo José Cela, que tamén será completamente renovado. O alcalde, quen visitou os traballos de montaxe, subliñou o investimento próximo aos 3 millóns.
Publicado por o día 26/12/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Concello instala a estrutura de 25 metros do novo ascensor do parque Camilo José Cela

O Concello de Vigo empraza este venres a estrutura de aceiro de 25 metros de alto na que irá instalado o ascensor panorámico que unirá Torrecedeira con Pi y Margall, á altura de Juan Ramón Jiménez, nun lateral do parque Camilo José Cela. A remodelación completa do parque e o elevador, cun orzamento de case tres millóns de euros, forma parte do proxecto Vigo Vertical, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europa.

O acceso ao novo ascensor producirase a través dunha pasarela de corenta metros, engadiu Abel Caballero en declaracións aos medios. O alcalde subliñou unha “obra de enxeñería e arquitectura excepcional”.

Xunto ao novo elevador, o goberno de Vigo vai reformar integramente o parque Camilo José Cela, que estaba “mal deseñado”, anotou Caballero, e que se converterá nun novo espazo para a xente maior e os nenos e nenas, con parques infantís.

O alcalde vigués recordou que o novo ascensor de Torrecedeira a Pi y Margall dará continuidade ao xa existente entre esta e a Avenida das Camelias, na mesma vertical. Caballero apuntou que “estamos rematando” outro elevador a Torrecedeira desde Marqués de Valterra.