O Concello instala tres novos tramos de ramplas mecánicas na Gran Vía

Este luns acométense os traballos de instalación das ramplas situadas entre as rúas Ecuador e Venezuela e desde mañá irán colocándose os pórticos que conforman a cuberta das ramplas. O goberno municipal iniciou tamén as probas de carga do ascensor de Camilo José Cela.
Publicado por o día 08/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde informou en rolda de prensa do inicio da instalación este luns de tres novos tramos de ramplas mecánicas na Gran Vía, entre as rúas Ecuador e Venezuela. Con estes complétase o tramo anterior, entre María Berdiales e Ecuador, no que xa están instalados nove tramos de ramplas, facendo un total de 12.

Este mediodía quedan dispostos xa os tres novos tramos e mañá martes chegan os primeiros 26 pórticos de metal que conforman a cuberta das ramplas mecánicas. En total, a estrutura superior dispoñerá de 175 pórticos de metal con vidro, que en diferentes cores a modo de arco da vella. iris. As estruturas irán instalándose ao longo das próximas semanas.

O conxunto da obra ascende a 5,2 millóns de euros, cofinanciados con Fondos FEDER da Unión Europea dentro do proxecto Vigo Vertical, e estenderase ao longo de 205 metros con vexetación, zonas de descanso e arborado. Amais, o Concello mellora a eficiencia enerxética e renova completamente as redes de saneamento, pluviais, abastecemento, rego, alumeado eléctrico e conexións con edificios.

Ascensor do Parque Camilo José Cela

O rexedor informou tamén da realización este luns das probas de carga no ascensor do parque Camilo José Cela, que comunica Torrecedeira e Pi y Margall co fin de solucionar os problemas de vibración que se detectaron na pasarela da estrutura. De saíren ben, o ascensor entrará en funcionamento a finais deste mes de xuño.

A obra ten un orzamento de case 3 millóns de euros e está incluída no programa Vigo Vertical, cofinanciado con fondos FEDER, para facilitar a mobilidade cidadá.