O Concello interpón recurso contenciosoadministrativo contra Costas pola prórroga para ocupación de terreos públicos durante 20 anos

Trátase dos terreos da fábrica de Pontesa en Ponte Sampaio e o Concello reclama o seu dereito ao trámite de audiencia
Por o 12/08/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
O Concello interpón recurso contenciosoadministrativo contra Costas pola prórroga para ocupación de terreos públicos durante 20 anos
Compartir en:

A Xunta do Goberno Local vén de acordar presentar un recurso contenciosoadministrativo perante a Sala da Audiencia Nacional contra a resolución do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente pola que outorga unha prórroga de 20 anos á empresa ‘ITAIPU_TRADE S.L.’ como titular dos terreos públicos de Ponte Sampaio, onde se ubica a fábrica de Pontesa. Así o anunciou esta mañá a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen afirmou que “desde o Goberno municipal nos parece un pouco desconcertante o criterio que utiliza Costas para conceder prórrogas para diferentes terreos públicos”, indicando que ao Concello non lle foi solicitado ningún tipo de informe nin se lle deu trámite de audiencia para a mencionada concesión.

“Digo desconcertante cando tamén poderiamos dicir prepotente” asegurou Gulías, que contrapuxo dous exemplos sobre o preceder da dirección xeral. Dunha banda asegurou que “non podemos entender como é posible que para botar un simple xabre nun estacionamento disuasorio da cidade, como nos aparcadoiros que están fronte ao mercado municipal, sexan necesarios tantos requerimentos e tantos trámites cando son terreos que está utilizando xa o Concello e que queremos que estean nas mellores condicións posibles”, mentres que por outra banda “conceden xa unha prórroga por un tempo de 20 anos, sen nin sequera solicitarlle un informe ao Concello de Pontevedra”. Ante este proceder, o Goberno municipal considera que o Concello debe ser tido en conta “como a Administración máis cercana aos veciños e veciñas”.

Anabel Gulías informou que a concesión da prórroga por 20 anos á empresa ITAIPUTRADE SL como titular dos terreos de Ponte Sampaio afectan a un total de 35.353 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre, e que dita concesión data do 15 de xullo e restinxe a actividade da empresa a almacenaxe. Gulías criticou “esa actitude e esa rapidez” por parte de Costas e lembrou que o “Concello de Pontevedra amosou en repetidas ocasións o interese en recuperar todos os terreos de dominio público, en defensa da cidade, porque consideramos que deben ser terreos para disfrute público ao servizo da veciñanza”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.